Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Ánxela Gracián

Rate this item
(5 votes)

 anxela_gracian

 

Ao redor dunha Ánxela Gracián convertida en astro xiran multitude de planetas literarios. Herdeira da mellor tradición oral do interior da terra luguesa, a incansable Ánxela multiplícase por si mesma para se transformar en escritora, en editora, en tradutora e actualmente en vicepresidenta de Gálix.

Dotada dunha gran sensibilidade para a escrita, a súa literatura de veludo non se esconde para amosar aos máis pequenos a beira máis dura do ser humano. A morte, o desamor, a violencia de xénero,... móstranse reais como a vida, e vida é, abofé, coa súa beleza, o que atopa o lector nos libros de Ánxela Gracián.

Ánxela ven de publicar recentemente Pinga de choiva (Xerais), Carrapeto (McMillán) e Carapuchiña "en rose" (Everest), escusa que utilizamos para falarnos coa escritora de Castroverde sobre libros, sobre o seu labor como tradutora, do mundo da edición e dese Gracián da infancia.

 



 

Ánxela Rodríguez Rodríguez, coñecida literariamente como Ánxela Gracián, de onde procede o de ‘Gracián’?

Gracián é a miña patria literaria. Eu nacín nun vilar de nove casas das que dúas estaban pechadas, no concello de Castroverde, provincia de Lugo, que se chama precisamente así, Gracián.

Sempre me sentín moi vinculada a ese espazo xeográfico que se corresponde ao que é a paisaxe rural luguesa de premontaña. Unha zona de val, de sotobosque,... De certa maneira eu construín o meu imaxinario literario ao redor de toda esa paisaxe e aí foi a miña primeira mirada ao mundo, o contacto cunha tradición oral moi viva aínda cando eu era pequena. Gracián é para min coma o Paniceiros do asturiano Xoán Bello, un microcosmos que contén o mundo enteiro ou a atalaia perfecta dende onde observalo, sen estridencias, sen comparanzas, pero poñendo sempre a mirada no que un é, a valor da terra, as vacas, as mulleres cun papel activo na economía, a paisaxe... De toda esa visión primeira do mundo vén o de Gracián.

 

Segue mantendo algún vínculo con ese lugar?

Si. Teño casa de noso, feita polos nosos, meu avó era canteiro e fixo unha casa grande que as distintas xeracións foron agrandando, agora sobra casa, claro, porque non vivimos alí, aínda que parte da miña familia aínda está aí, vou moitas veces, sempre que podo e sigo moi vinculada a esa terra.

 

Traballa na Xunta de Galicia no Servizo de Tradución e fora de aí escribe, traduce literatura, edita libros para Sotelo Blanco e é vicepresidenta de Gálix. Como se ten o don da ubicuidade?

Estes últimos anos foron moi activos para min. Mantiven moita actividade, para min todas esas tarefas están vinculadas a unha soa cousa, o exercicio estético da palabra, ben sexa como creadora ou tradutora, ben como dinamizadora da palabra de outros. E son feliz forxando palabras para compoñer as miñas historias, buscando as equiparacións das palabras nunha lingua noutra ou tendendo redes á proxección de libros que me gustaron esteticamente e doutros que me parecen necesarios porque explican o mundo que somos.

Son filóloga de formación e busquei traballo ao redor do mundo das letras, mais cando era pequena e me preguntaban que quería ser de grande, como non sabía que se podía ser filóloga, eu dicía que quería ser lectora, vivir de ler, a formación en filoloxía nese sentido non me defraudou porque estaba estudando o que me gustaba, ler. Cando rematei comecei a preparar as oposicións ao ensino secundario, profesión -a de tratar de ensinar algo, que diría Louis Althuser-, que sempre me pareceu moi interesante, moi seria pero moi emotiva, pero as oposicións conxeláronse e atopei unha praza na Administración no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia, cuberto por filólogos. A súa situación en Santiago de Compostela, cidade que sempre sentín como propia, e mais o tipo de traballo, esa especialización máxima na tradución en todos os campos, decidiron que me atopase ben. Ademais ese traballo serviume como punto de reflexión para meterme de cheo no mundo da tradución literaria, moi diferente, prestar a túa voz, a túa sensibilidade, as túas lecturas a outro texto, nese “murmullo incesante de ecos”, que era para Umberto Eco a literatura. Interésame o feito en si de traducir como todo o que xira en torno a ese mundo, as estratexias que se poñen en marcha, os silencios, as escollas, a norma lingüística cara á que se camiña... e se podo elixir prefiro traducir literatura porque é como meterse na pel do escritor sobre o que traballas, preguntarte por que escribiu isto, por que calou isto, con que mecanismos o fixo, traducir é tamén, se a obra paga a pena, unha maxistral lección de literatura, e eu tiven sorte de ter como mestres a Margueritte Yourcenar, Jules Verne, etc. Os que nos gusta escribir, cando traducimos, temos a tentación de intervir nos textos. Iso vén un pouco no agarimo que lle pos á tradución, cando estás traballando sobre autores que admiras, e que che parece que descoidou a verosimilitude neste parágrafo, o ritmo neste outro, a trama... Aínda que nese sentido, entendo onde comeza e acaba a función do tradutor/traidor, dun xeito ortodoxo, obviamente o escrito é responsabilidade do autor.

A partir de todos eses traballos de tradución comecei a traballar como lectora editorial, corrixir algo os textos e facer suxestións, de aí pasei logo a dirixir coleccións que tamén me resulta moi satisfactorio. Actualmente traballo en Sotelo Blanco e estou dirixindo as coleccións de Medusa -narrativa para adultos- e doceporvintedous para o público xuvenil. Sotelo Blanco Edicións ten no mercado unha posición de editorial que descobre talentos, é dicir, moitos dos escritores que logo se acaban consagrando publican por primeira vez con nós ou gañan algúns dos premios que a casa ten creados. Así que me resulta moi estimulante ese sorriso de sorpresa cando falas con alguén que está empezando e lle dis que lle ves posibilidades á súa obra. Sempre que a un lle publican a primeira obra é un día grande. Eu lembro a miña primeira vez. Visitara a Irene Penas da Editorial Everest, na súa sede da Coruña, e díxome que lle gustara o libro e que mo publicaba. Nunca unhas palabras me foron máis amables ao oído nin máis inesperadas. Dende entón, tanto se a vexo en persoa como se paso por diante da editorial, lembro aquel primeiro si e xórdeme un recordo moi doce cara aquela persoa que me deu a miña primeira oportunidade. Agora en Sotelo eu son tamén para moitos autores e autoras a súa primeira oportunidade, e esa emoción do autor traspásame como editora.

O tema de escrita creo que me acompañou dende sempre. Eu de nena nunca tiven acceso á literatura infantil, parece mentira, porque a miña infancia transcorreu nos anos 70, pero non había libros nas aldeas nin nas escolas. Había a vontade de algúns veciños de construír uns teleclubes, para ver a tele, e ás veces, algún organismo oficial mandaba refugallos de libros para eles. Eu tiven a miña primeira experiencia lectora nun teleclube deses e lin con nove anos Foise co vento, o gran novelón que todos temos en mente máis polo cine que polo libro; Mulleriñas de Louise Alcott; todo Walter Scott; pero houbo sobre todo un libro que o lin e o volvín ler sen me cansar nunca, Cairo Branco de Jack London, ademais a meu avó, que viña da época da fame, parecíalle que manter un can era moito gasto e eu turrei por ter un can que viñera extraviado, á miña aldea sempre veñen cans extraviados porque lle pasan moi preto as estradas nacionais que van a Madrid, e turrei en quedar con el. Meu avó chamoulle León porque se leaba con todos, eu domestiqueino e para min foi coma o Cairo Branco para o protagonista do libro, estou segura que sempre me tratou de igual a igual, que me viu como un máis da manada, era fero, listo, libre, fiel e  non se me despegaba das canelas. Cando lin o libro de Dúas bágoas por máquina de Fina Casalderrey, que me fixo chorar, pensei, Fina tamén debeu ter un can así, porque o can do libro de Fina, era o mesmo ca o meu, viña comigo á escola, como unha sombra, e pacientemente me esperaba en todos os lugares. Penso que os nenos debían medrar á beira dos animais e os anciáns debían envellecer tamén á beira dos animais; son etapas da vida nas que se precisan con maior intensidade os afectos, na primeira estanse forxando, estamos aprendendo a querer; na segunda necesitamos con maior intensidade ser queridos, entendidos, escoitados, os animais cumpren moi ben estas funcións, a de dotarnos de capacidade afectiva. Co individualismo reinante, a desesperación, a insatisfacción, as envexas e tantas miserias pequenas e mesquiñas que estamos creando e que son gaiolas para nós mesmos algún ministerio intelixente debería aprobar unha lei que dixese: é obrigado que cada cidadán/a recolla un can abandonado, preocúpese del, cóideo e léveo para a casa, será moito máis feliz. Lin moito máis, na escola había dous estantes de libros pero para unha nena con curiosidade coma min, foi un bonito percorrido literario arredor da literatura, estaba Valle Inclán, quizais foi unha escena de Divinas palabras, cando Mari Gaila se entrevista cun cego mendigo, cando aprendín a palabra Farandules, sen saber que significaba e que logo tanto me ía gustar a farándula e o teatro. Na escola ninguén nos guiaba nas lecturas, había algúns libros que entendías mellor como Jules Verne, Emilio Salgari e outros de aventuras, mesturados cos clásicos españois, eu lía a Quevedo con dez anos, creo que só me gustaba o soneto do nariz e tamén a un Lope de Vega popular e copleiro. Houbo un día en que a profesora de literatura, que viña da cidade e entendía a literatura como un compendio de títulos, autores e etapas históricas, e viu un libro na biblioteca que a exaltou de tal maneira que levou as mans a cabeza e dixo: iso é obsceno a estas idades, ese libro está prohibido. Eu non vivín a etapa dos libros prohibidos que con tanto humor conta o escritor leonés nx0woé María Merino na biblioteca de seu pai Bonifacio Merino, ata ese día. O gran libro prohibido era El libro del Buen Amor do Arcipreste de Hita. Podes imaxinar que desfeita na escola! Todos os rapaces e rapazas na busca do libro prohibido, e cando o atopamos, que desilusión! Entre a distancia lingüística e a dificultade do texto non houbo ninguén que lle atopase ningunha razón para lelo, por moi prohibido que estivese. Que máis libros? Non sei dicir, a pesar de todas as circunstancias, quizais aos meus o que non gañaban en criterio, gañábano en boa vontade, porque meu avó e miña avoa dábannos parte da mísera pensión que en Galicia se cobrou a partir dun momento histórico, e que a eles lles parecía que llela regalaba o goberno gobernante, e con ese diñeiro, que era moito para un rapaz/a de dez anos, podiamos comprar o que se nos antollara, a min como sempre se me antollaban libros, pois mercábanmos nunha libraría de Lugo La voz de la verdad, que era para min coma a cova dos Libros Prohibidos da que fala Zafón en La sombra del viento. Os libros estaban amoreados, desordenados, ao libreiro gustáballe verte por alí, e aínda che regalaba algún exemplar pasado de moda. Aí merquei e lin con voracidade todo Enid Blyton e similares e aprendín o desexo de aventura que nace con todo home.

No entanto, cando me preguntan onde está o gonzo que fai saltar a imaxinación dun neno, no meu caso eu creo que estivo nos meus, nos da miña casa, xente falangueira de seu, que nunca che recaneaba palabras, ben de ficcións propias ou de inxenuas lecturas do mundo, para a miña avoa as provincias eran os catro piñeiros que estaban no cume do monte de Bidueiros e o Leoi do Pai noso que rezabamos xuntas (dánosle hoy), era un xarope máxico que che traía felicidade; sempre tiña un refrán, un sucedido, uns versos, uns ditos, uns romances de cego ou coplas que aprendía na radio e contábaas moi ben, a min sempre me emocionaba. Creo que ela foi a primeira gran contadora de historias da miña vida. E despois o resto da familia, que todos na miña casa todos eran moi faladores: o meu avó, o pai... era xente que sempre falaba moitísimo, que lle poñían palabra ao vivido, ao coñecido, ás xentes que convivían no noso mundo. E nos seus discursos sempre houbo moitas historias inseridas, do estraperlo, dos asaltantes de gando, dos lobos, da guerra, dos republicanos que viñan pedindo polas portas para lle construír o pazo ao xeneral Tella, dos segredos das mulleres, dos medos, do poder das herbas... En fin, de todo o que é unha sociedade acientífica que se basea no mito e na tradición.


Agora que fala dos recordos de infancia, na súa casa había moita tradición oral?

Si, había, non sei se moita. Cando vexo o traballo de Reigosa e Miranda por exemplo, penso que cando eu era nena moitas das lendas xa morreran. Se escaravellas na memoria dos vellos de hoxe, aínda algo atopas, dos mouros, das fadas, das bruxas, aínda cando algo vai mal, che recordan que é polo mal de ollo. Eu, como che dicía, tiven sorte coa miña avoa Anuncia que me contou historias de lobos a centos, historias que poderían estar recollidas nun libro de Ánxel Fole. E ademais contábaas tan ben que era coma se ela as vivise. E logo estaba o seu amor polo pan. Miña avoa non nos deixaba colocar o pan na mesa doutra forma que non fose a da posición da normal cocedura porque dicía que invocaba a fame. E gardaba nunha saquetiña de liño que pechaba cunha fibela de esparto os anacos que sobraban, se estaban moi duros ou ben os mollaba en leite ou ben facía torradas, e se era inverno esfarelábaos na eira para os paxariños.


Qué ten a provincia de Lugo para ser berce de escritores moi ligados á literatura e á tradición oral?

Lugo é unha zona que historicamente sempre estivo menos desenvolvida economicamente cás outras provincias galegas, amais de ser unha zona dunha grande ruralización. Aos de Lugo non nos gusta ter que asumir que a isoglosa da prosperidade que foi esa costela tallada na paisaxe da Autopista do Atlántico non pasase por Lugo, pero non pasou, e iso determinou que modos de vida do pasado perdurasen moito máis tempo. O que se coñece como progreso quizais tampouco ten moito que ver co que pasou coas xentes da costa e das cidades máis industrializadas, pero trouxo outros modos de vida, que ao interior de Lugo non chegaron. Por iso pode que aínda quede un pouso grande do que foi o pasado deste país, con todo ese folclore que noutros lugares se perdeu máis, por un problema de autoodio. Evidentemente toda esa tradición oral deixa a súa pegada nos escritores actuais. Se botas unha ollada aos libros dos escritores desta zona ves que a tradición oral ten unha forza inmensa nas súas obras. Oxalá co tempo todos saibamos valorar a esencia do que nos foi construíndo como seres e como escritores como a esencia dun país sen modelos foráneos. Nese sentido Lugo tivo sorte porque a maioría dos escritores que houbo e que hai foron conscientes da esencia do noso, Fole por exemplo, ou Cunqueiro seguramente máis ca ningún outro, pero tamén Paco Martín, que retrata a cidade de provincias que é Lugo como espazo urbano mellor ca ninguén, con esa política caciquil, o mundo das aparencias, a oposición rural-urbano, a defensa do que non é pragmático, sen dúbida Paco é un dos grandes escritores de Lugo, ou Rodríguez Fer e Carme Blanco que tanto traballaron para dicir como foron as cousas, para levantar a veda do silencio arredor dos feitos da Guerra Civil; Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Darío Xohán Cabana tamén son moi lugueses; noutro sentido tamén o son Xerardo Quintiá ou Isidro Novo.


Mantense hoxe no rural lugués parte desa tradición?

A mágoa é que ese folclore, esa tradición, se estea perdendo porque tamén se perdeu o que lle daba sentido e se accede a outros códigos sen valorar a tradición que había. No meu concello, por exemplo, as xeracións seguintes ás da miña avoa xa non contan historias como as relataban antes, nin cantan nin bailan como facían daquela aos nenos porque pensan que iso non vale, e se lles gusta cantar velas cantando as cancións de moda do verán. É cousa de botar a rir!

Eu teño na miña casa unha gravación que lle fixera con catorce anos á miña avoa coas cancións que ela nos cantaba. E eran todos romances de cego que ela compraba nas feiras cando era nova en pregos de cordel. Soaban como unha ladaíña, cun ritmo moi monocorde. Se lles tiras da lingua aínda sae algo, pero xa todo está esvaído na memoria, e ao mellor, levas unha sorpresa porque che saben enteiriño o Torero de Bisbal.


TRADUTORA


Gañou no 2008 ano o premio Plácido Castro de tradución polo traballo feito sobre A illa misteriosa de Jules Verne. Verá algún día a luz ese traballo en papel?

Non sei se finalmente verá a luz. Editar un libro tan extenso seguramente non é rendible para unha editorial. De todos os xeitos está dispoñible na web da Biblioteca Virtual (Bivir).


Ten traducido ao galego Hugo Pratt. O desexo de ser inútil (Lembranzas e reflexións) (Galaxia) e Corto Maltés. Balada do mar salgado (Galaxia). Qué é o que lle atrae das figuras de Hugo Pratt e do seu Corto Maltés?

A Hugo Pratt linlle todo. Fascinoume un día que descubrín o seu personaxe de Corto Maltés, ese heroe romántico, cun sentido ética da vida, perdedor en todas as guerras a prol da xustiza, das minorías, das culturas asoballadas, o seu gusto pola aventura, por mudar de horizonte e esa especie de donxoanismo vagamente galante con que se dirixe ao mundo, en contraste sempre co seu antagonista Rasputín, que só se move por diñeiro. Logo están as acuarelas e a banda deseñada, a calidade dos debuxos que che permiten imaxinar como foi o desfile italiano na fin da guerra de Abisinia (onde seu pai estaba destinado ao mando do goberno de Mussolini), as tabernas de tango e malvivir do Bos Aires dos anos 50, o transiberiano, os mares de sur, os maorís....), etc.

Atopei unha vez en Venecia unha exposición moi estraña, nun pazo decadente, de teitos altísimos, e en vitrinas feitas por amigos del, estaban os obxectos queridos por Pratt, un astrolabio, acuarelas, manuscritos, un dirixible de papel, as primeiras edicións dalgúns libros, fotografías... e logo a edición de Il desiderio d´essere inútile, que son unhas longas conversas cun Pratt xa maior, que sabe que non lle queda moito de vida e pasa revista ao que foi a súa vida. Creo que era no Palazzo Fortuni de Venecia a tal exposición. Propúxenlle a súa tradución ao galego a Xosé A. Neira Cruz, que traballaba dirixindo a colección infantil e xuvenil de Galaxia e que xa escoitara con moito interese a necesidade de verter as dúas novelas de Pratt ao galego porque o curioso de Pratt foi que ata os 40 anos viviu do debuxo pero sen se saber artista, foi logo cando en Francia no 68 comezan a ver nel a figura que todos reivindican, anticapitalista, antiamericanista, a prol das minorías, ético, e é en Francia (a editorial Casterman) a primeira en crer e apostar por el. Pero a gran traxedia de Pratt para min foi que morreu pensando que a novela era un xénero superior á banda deseñada, e que cando lle diagnostican un cancro de pulmón, sente a necesidade de converter a novela os seus álbums de banda deseñada. Esa novela que publicou Galaxia A batalla do mar salgado e outra que en breve sairá Patio Agochado chamado Arcano, son o resultado dese proceso e desa intención, de aí o carácter fragmentario da última xa que a enfermidade estaba facendo mella nel e case non podía falar, Patrizia Zanotti, amiga na etapa final da vida, axudáballe a poñela en papel. O desexo de ser inútil, alén dunha defensa de non ser pragmático, é moi interesante porque é un Pratt visto por si mesmo, con todas as contradicións que dicimos cando un mesmo pasa revista á súa vida. É o que el quixo entender que foi a súa vida. E lendo o libro tamén entendes quen era Corto Maltés, quero dicir, Hugo Pratt, sabes que se incomodaba cando algún periodista enfexo lle preguntaba se Hugo e Maltés eran a mesma persoa? Porque para el a resposta era obvia.

 

O maior eloxio que se lle pode dicir a un tradutor é que non se nota a súa pegada na tradución? Que a súa tradución pasa desapercibida aos ollos do lector?

Eu creo que unha boa tradución se aprecia cando lendo un libro non te decatas de que foi escrito noutra lingua. Na linguaxe literaria o tradutor debe recrear, interpretar, entender os silencios, expoñer os matices aínda que sexan con outros recursos e verter sen estridencias nin grandes complicacións sintácticas o que se di na outra lingua, así como entender o espírito do texto, o ton, a intención, o ritmo...

 

No seu caso, onde é tradutora e escritora. Como axuda o feito de traducir a formarse como escritora?

Escribir e traducir son cousas moi distintas pero no fondo non o son tanto. Todo consiste en traballar a palabra como un ourive traballa o ouro ata lle dar forma. Só que na tradución tes que ir traballando palabra a palabra, esmiuzando o texto, para entender como o autor creou eses personaxes e para adiviñar a súa intención. Na creación propia ti xa sabes para que e porque creas os teus personaxes.

Ao mesmo tempo traducir a un bo autor é unha lección de literatura que recibes. Envorcar textos procedentes doutra lingua leva o seu tempo, hai que lelo moitas veces e imaxinalo na túa lingua de chegada. Logo, todo iso queda na túa propia pegada. Se fas un rastrexo polas obras de escritores que traducen é doado atopar nas súas obras moitas similitudes. Por exemplo, Neruda, cando traduce a Salvatore Quasimodo, lévao e tradúceo ao seu estilo, amputa versos, matiza adxectivos de cara á unha sutileza máis evocadora que ilóxica ou brutal do chileno: cando non lle gusta corta, cambia as palabras... O resultado é unha tradución de Neruda ao xeito de Quasimodo. O curioso é que hai unha aprendizaxe mutua porque logo nas posteriores obras de Neruda ves as metáforas de Salvatore Quasimodo. Pasa o mesmo con Luís Antonio de Villena e a poesía italiana de Cessare Pavesse, por citar outro exemplo.

No meu caso, cando traducín ao castelán Valdemuller de Xosé A. Neira Cruz, traducida como La estrella de siete puntas, pasoume que na obra que eu estaba escribindo nese momento, inconscientemente, na fronte da protagonista cae unha estrela que ten sete puntas e conxura a maxia, como acontece na protagonista da novela que estaba a traducir. Son cousas que pasan de xeito inconsciente. Por sinalar outro exemplo, hai pouco estiven relendo un relato meu que aparece no volume Narradoras de Xerais e toda esa reflexión sobre o amor que fago no relato decateime de que dun xeito moito máis fondo xa aparece en Memorias de Adrián e que Yourcenar condicionou a miña escrita pola vía da reflexión filosófica. Obviamente o artista empápase do mundo que o rodea, o intelectual e o físico. É inevitable.


Nunha entrevista un coñecido tradutor afirmaba que un dos problemas das traducións é que mentres estas envellecen, os orixinais non. Qué hai de certo nesta teoría?

Non estou moi de acordo con esa afirmación. Unha boa tradución nunca envellece. A tradución de Xosé Manuel Beiras de Platero e máis eu nunca envellecerá ou a que fixo Otero Pedrayo co Ulises de Joyce tampouco nin a que fixo Fernández del Riego co Cimitière marin de Paul Valery, ou Ramón Cabanillas cos clásicos gregos, ou Carlos Casares co Principiño de Saint-Exupèry; ou Xabier Alcalá coa Illa do Tesouro. Por non citar o gran tradutor recreador que foi Aquilino Iglesia Alvariño. Ou Xoán Abeleira, por falar dun contemporáneo, que alén dun tradutor excelente, introduce na nosa literatura autores bastante descoñecidos e dun interese universal, ou o dominio da sutileza que demostran en cada tradución as irmás Torres París. Un bo tradutor consegue dotar os textos que traduce dun pouso de universalidade que sempre terá sentido volver a eles.


O Real Decreto Lexislativo 1/1996 do 12 de abril e a posterior lexislación no ámbito da propiedade intelectual recoñece ou marca diferentes aspectos que protexen ao tradutor. Cúmprese a lexislación vixente? O tradutor é un elo da cadea literaria protexido?

Na web da Asociación Galega de Tradutores están colgadas as tarifas por tradución. Eu creo que hai editoriais que si aprecian e incluso salientan a man do tradutor, respectan esas tarifas e hai outras editoriais que non valoran tanto o noso traballo e ofrecen unhas tarifas máis baixas, pero os tempos son difíciles para todos.

Se falamos de tarifas ás veces son ridículos os cartos que se están a pagar polo traballo de tradución, os tempos de entrega e a concepción xeral de que se trata dun labor que esixe tempo, formación e laboriosidade.

Creo que iso sucede por non ser este un sistema literario normalizado, que aínda mantén bastantes puntos de militancia, situando á tradución como un dos elos do sistema máis castigados.


En Galicia existen dúas asociacións de tradutores: a ATG e a AGTI. Non sería necesario a creación dun Colexio de Tradutores que velara polos dereitos deste colectivo?

É unha moi boa idea. Como dicía antes, estamos nun sistema por normalizar, e polo tanto aínda faltan elementos para evitar o intrusismo, para defender a calidade, a profesionalidade, que se tarifas, prazos de entrega... todo iso por parte dos tradutores; e pola banda das editoras que recoñezan a autoría do tradutor como parte do libro, acatar as tarifas, respectar a tradución entregada...


Ten traducido moitas obras do galego ao castelán, por exemplo La Sombra descalza de An Alfaya ou a anteriormente sinalada La estrella de siete puntas de Xosé A. Neira Cruz. Como é a recepción dos nosos libros noutros mercados?

Non che sabería dicir cifras nin datos, pero, por poñer un exemplo, gañei máis cartos polos dereitos de tradución de La estrella de sietes puntas ou por La sombra descalza que polos dereitos dalgúns dos libros da miña autoría que non saíron ao mercado do español. O mercado do español é diferente ao galego, está moito máis consolidado e permite o soño de vivir do traballo de escritor, ou tradutor neste caso.


Ten traducido esa pequena alfaia que é O home que plantaba árbores (Galaxia). A historia de Elzeard Bouffier en certa medida podería equipararse ao traballo dun tradutor: observación, paciencia e perseveranza?.

As vivencias levan aos libros, resulta que preto da miña casa de Gracián, no concello de Baleira hai un bosque de teixo fermosísimo, A Marronda, son millas e millas de bosque espontáneo tan cheo de riqueza coma o bosque do que fala Jean Giono. Nunha excursión a ese lugar lembreime do libro e penso que libros coma ese que falan da necesidade dos espazos de beleza con palabras tan sinxelas son necesarios para poñelos nas mans dos rapaces. Nesa tradución eu procurei envorcar o léxico galego do ámbito da botánica, da paisaxe do bosque e da zooloxía e sobre todo atopar na calidez dos adxectivos a tenrura que desprende o texto e a ética que significa ser home, ese home ético que pode cambiar o mundo con pequenas accións e a través de pequenos traballos que despois non teñen ningunha visibilidade e un traballo froito da perseveranza. Ese é un texto clásico, que terá unha lectura sempre e tentei que a miña tradución estivese ao servizo da ideoloxía ecoloxista do orixinal francés.

Eu teño que agradecer ás editoras, neste caso Galaxia, que me leva publicado unha chea de traducións, pero tamén a outras, que me permitan traducir textos que me gustan, que acepten sempre tan ben as miñas propostas.

 

EDICIÓN

 

Edita libros para Sotelo Blanco, como xurdiu esa posibilidade?

Eu coñecía a xente que traballaba en Sotelo Blanco porque xa me publicaran As bolboretas douradas, o meu segundo libro.

Tras ese primeiro contacto comecei a ler e a facer informes de orixinais para eles. Entón Fabiola Sotelo Blanco propúxome dirixir a colección docexvintedous para público xuvenil, iso debeu ser no 2004, e o primeiro libro que editei para a colección foi ao ano seguinte Crónica de Ofiusa de Francisco Vázquez Chantada con quen me quedou unha grande amizade, a súa paixón pola toponimia que traslada aos libros, o gusto pola literatura épica... Posteriormente entrei na colección Medusa para adultos e gustoume o traballo de dirixir coleccións e ver sorrisos nos autores noveles que che entregan os seus soños, é duro dicir que non ou suxerir cambios nun libro ou facerlles entender que o mercado galego non ten tantos lectores e que ás veces non paga a pena sacar algo que non se vai vender. Niso estamos en cambiar estratexias de mercado, novos modos de vender, de entender o libro, nesta sociedade nova que como di o filósofo Russell “esvaramos” polas cousas sen nos preocupar da súa intensidade. Ler supón afondamento. Eu creo que o fracaso do concepto libro vén por aí, e o futuro está en novos modelos de achegamento aos códigos da ficción.


Sotelo Blanco é unha das editoriais máis emblemáticas e con máis historia do panorama literario galego. Cales son os criterios que se seguen para publicar en Sotelo Blanco? Qué filtros debe pasar un libro antes de ser publicado por Sotelo Blanco?

Sotelo Blanco caracterizouse por publicar os primeiros libros de autores noveles que logo tiveron unha longa traxectoria literaria como Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Aníbal Malvar, Jaureguízar, Xavier López López, Teresa Moure, Mariña Pérez Rei... Seguimos mantendo esa liña independente e darlle tamén a primeira oportunidade a moita xente.

Para que un libro se publique en Sotelo Blanco o primeiro que se fai é unha lectura, que ás veces facemos nós e outras un colaborador externo, de todos os orixinais que chegan; dos que elaboramos un informe. Unha vez realizado ese informe e vendo as características do libro en canto a mercado ou a estilo hai diferentes opcións: ou ben se descarta, ou editámolo, ou ben falamos co autor porque o libro ten unhas características moi interesantes, pero aspectos sobre os que habería que traballar un pouco máis. Nese sentido é moi gratificante traballar con autores noveles, noutras ocasións o orixinal percibímolo perfecto e vai directamente a maquetación.


O libro electrónico. Galaxia e Xerais veñen de publicar os seus primeiros libros neste soporte. Sumarase a este cambio Sotelo Blanco?

Si, claro, iremos cos tempos e o libro electrónico é un novo mercado e un oco que habería que encher.


Cara a onde cre vostede que se dirixirá o futuro do libro?

Eu son unha romántica impenitente e gústame tocar o libro, apalpalo, quitarlle a poeira dos anos, pasar as miñas xemas polas súas páxinas, cheiralo, lembrarme por qué subliñei aquel parágrafo, que querían dicirme aquelas palabras naquel momento, cando o lin, onde, con quen... Gusto de ir a librerías, feiras, exposicións de libros, ver libros antigos, emociónome ante un incunable en calquera mosteiro como se estivese ante unha reliquia que sobreviviu a cincuenta mil avatares para ter conta da palabra que contén... Non me imaxino a miña casa sen ver libros nos andeis. Pero tampouco renego das novas tecnoloxías. É indubidable que están aí e que camiñamos cara ao libro electrónico e sobre todo cara a outras formas de entender a ficción e o de contar historias. De todos xeitos, eu leo con desgusto en pantalla, a pesar de que me gusta o que ofrece internet en prol do libro e da lectura, e sobre todo, a inmediatez da lectura e a posibilidade de información tan ampla en tempo record. Non sei dicir, se un día me ve na praia cun ebook ríase de min e lémbreme esta conversa.


A colección Medusa de narrativa volve con varios títulos moi interesantes e cun cambio de deseño na colección.

Agora aparecen fotografías en lugar de imaxes como antes. Iniciamos este cambio co penúltimo premio Lueiro Rey: Areaquente, de An Alfaya e co actual premio As horas rotas de Chelo Muíños e O caso Aira-Bolaño de Xoán Tallón. Todas tres grandes novelas que nos levaron a modificar o formato e o deseño da colección.


Os editores quéixanse de que o mercado literario está saturado de títulos pero ao final do ano eles mesmos poñen no mercado multitude de libro.

Si, é certo. Pero tamén é verdade que nestes momentos hai unha reformulación de títulos, tense máis coidado cos títulos que sacan porque a verdade é que, coa crise, véndese menos e non hai cartos para sacar tantos libros como antes.


É frustrante editar libros que ves que son dunha grande e indubidable calidade pero logo non ten a resposta agardada polos lectores?

Si. Por exemplo, o libro que editamos Raiolas no faiado de Francisco Rozados hai uns anos, que é un grandísimo libro, que fala de nós, os galegos que fomos, do que nos pasou, de como vemos o mundo, dunha gran calidade, cun mundo enteiro dentro, un mundo do que xa falou Chano Piñeiro e que el recrea, recupera e dialoga con el, con ese Macondo galaico que é a terra de Trasdomonte... e ves que pasa desapercibido no mercado xunto con moitos outros títulos, como, por exemplo, Canícula de Mariña Pérez Rei, A lenda da lúa de Montealto de An Alfaya, Unicrom de Rosa Enríquez, libros que non se mercan como deberían dados os valores do mundo referencial que conteñen. Din que en tempos de crise a xente non merca libros. Iso é unha mágoa. As claves para que un libro funcione no mercado é o marqueting e moitas das editoras galegas non se poden permitir luxos en investimento para a súa difusión.


Sendo vostede mesma tradutora, que importancia lle dá á publicación de textos traducidos dento das coleccións que dirixe?

Creo que para ter un bo catálogo de colección habería que apostar por unha boa política de tradución, sempre e cando esta sexa rigorosa. Sería necesario editar autores de literatura europea ou da africana, que nestes momentos está tendo moito pulo. O problema está na saída ao mercado. A tradución é dificilísima de vender en galego e supón moitos gastos: pagar dereitos, pagar ao tradutor. Duplícanse os custos respecto á edición dun libro escrito orixinalmente en galego. Obviamente tal e como está o sistema literario galego a estas alturas de século XXI, non se pode manter unha política editorial traducida sen o apoio institucional. Creo que é responsabilidade deles que os lectores galegos teñan literatura universal na lingua deste país.

 

ESCRITORA

 


Toda a súa obra está centrada no público infantil e xuvenil. Por que non achegarse ao mundo da literatura de adultos?

Non sei, algunhas cousas teño para adultos, é un reto que está aí, son dispersa, moi boa lectora de literatura para adultos, e sempre me digo que teño que me sentar a escribir pensando noutro receptor con diferentes inquietudes, porque ademais, cando escribo para nenos, tamén intento meter trusgadelas ao outro lector. Non sei, é un debate que teño comigo mesma. A ver se un ano destes podo regalarlle para o seu marabilloso andel de Fervenzas un libro para adultos.


É metódica á hora de escribir?

Cando imparto obradoiros de creación literaria sempre digo que para escribir é necesario ser metódico, levantarse cedo ou deitarse tarde, tirarlle ao día sempre un mínimo de tres ou catro horas diante do acto literario, pero logo é unha cousa que eu non me aplico. Non son nada metódica, son dispersa e gústame todo. Nesta cidade de Santiago as tentacións son moitas: teatro, cine, presentacións de libros, tertulias... Algúns escritores obríganse a escribir un determinado número de páxinas cada día, pero eu tamén me obrigo pero non o cumpro. O que si que fago todos os días é ler moito, apuntar cousas, ideas, ...


Á hora de escribir mellor ordenador ou papel?

As ideas moitas veces escríboas en folios, que logo mesmo extravío, pero á hora de traballar en serio utilizo sempre o ordenador. É a canle que me leva do pensamento á palabra, xa non podería escribir á man ou noutros soportes.


Por que a súa obra está dispersa en tantas editoriais diferentes?

Pois non lle sei responder. Ata o de agora enviei os distintos textos ás editores e poñíame moi contenta cando me dicían que mos editaban. Agradézolle inmenso á Irene Penas ese primeiro pulo; e a Sotelo Blanco a segunda oportunidade; á xente de Galaxia esa aposta polos meus textos e polas traducións; a Xerais o coidado e mimo do álbum; a Everest e a Mcmillan a difusión das obras... Non lle sabería responder, os editores fan unha aposta por ti e cando aínda non tes moito nome nin moita obra nin moitos premios, como é o meu caso, entendes que todo o que todas as facilidades que che dan é un esforzo que non van recuperar tan axiña. Tamén me gusta que sexan moitos os lectores que me lean, eu desexaría que me pasase o que un día lle oín contar a Agustín Fernández Paz cando chegou a unha escola de primaria onde leran un libro seu que transcorría na fraga de Cecebre e lle preguntaron “onde estaba o trasniño, que non llo vían?”

De todos os xeitos agradézolles a todas as editoras que me publicaron todo o esforzo e gustaríame un día poder compensar ese investimento inicial que é unha autora que, a pesar dos anos que levo publicando, aínda está empezando.


Publicou o ano pasado en Xerais o conto Pinga de choiva, unha historia de amor entre unha pequena pinga e un gran dragón. Hai algunha outra máis?

Pinga de choiva é unha historia de amor moi influenciada pola Historia de cronopios y de famas de Julio Cortázar. Unha historia de seres distintos, totalmente opostos, que xogan a se amar: unha relación de amor entre unha insignificante pinga e a magnificencia e a grandiosidade dun dragón. Vou publicar tamén a miña experiencia de nena con Enriqueta Otero, a Ribona, que viña á feira de Castroverde.


Utiliza recursos de lendas clásicas, desas que as culturas indíxenas utilizaban para explicar o descoñecido, no caso de Pinga de choiva a creación dun arco da vella.

Creo que Pinga de choiva ten dúas lecturas: unha é a que faría un neno sobre como se forma o arco da vella, explicado dunha forma mítica, con elementos máxicos, un pouco no fío do que comentas. E logo hai unha metáfora sexual, un xogo erótico entre Pinga e o dragón. Vemos a un dragón prepotente e fermoso e unha pinga de choiva que leva unha vida normal, que come xeados e vai de compras coas amigas. Entre Dragón e Pinga hai un xogo de sedución que remata co que debería ser o amor: un xogo entre iguais.


Xoga no texto coas partes rimadas

Iso é moito da literatura oral. É unha rima que varía unha soa palabra e serve ao neno para ir recordando, ten unha función mnemotécnica. En Camiño solitario tamén aparece ese mesmo xogo, tendendo máis ao onomatopeico.


Conta neste libro coas ilustracións dun novo artista como é Daniel Díaz Trigo.

Daniel Díaz Trigo é profesor do meu concello, Castroverde, e soubo reproducir moi ben en Pinga de choiva todas as súas paisaxes: o outeiro, as casas, o río... que son propios de Castroverde, realmente existen.

Pinga de choiva foi un traballo a catro mans onde houbo unha unión perfecta con Daniel. Entendeu a perfección o que eu buscaba a través das ilustracións.

Daniel vén de ilustrar outro relato meu e estamos preparando máis traballos xuntos. Creo que entre nós hai unha conxunción fantástica. Foi un frechazo artístico.


O seu novo libro é Carrapeto (McMillán), onde creo que inclúe unha anécdota da súa infancia.

Efectivamente, en Carrapeto hai unha anécdota da miña infancia, moi vivencial: a táboa de multiplicar. Eu de cativa tiña moitos problemas para aprender a táboa de multiplicar. Logo estaba meu pai, que entendía que as cousas que tiñan valor eran aquelas que che supoñían un esforzo. Era unha filosofía sui generis nese sentido. E cando nos castigaba, facíao con contas de multiplicar e de dividir. Todo iso aparece no personaxe de Carrapeto, quen fai esforzos terribles e non o consigue nunca.

Carrapeto está dedicado ao meu pai, reflectido nesa presenza do pai de Carrapeto, que contribúe para que o rapaz vaia á escola, ocúpase da educación do fillo, e pensa que as cousas que lle servirán para que se abra camiño na vida adulta son as cousas prácticas, como aprender as matemáticas. E tamén a unha mestra que tiven, Beatriz Ferreiro Palmeiro, que me deu clase con 8 anos, era tan boa, vivía tanto para que aprendésemos e facíao con tanta vocación que nunca me poderei esquecer do seu traballo e do amor que poñía no que facía.


Publicou o libro Carapuchiña en rose (Everest). A personaxe de Carapuchiña estase a converter nun mito, un obxecto artístico que, tanto na literatura coma no cine, é moi recorrente, da moito xogo.

Calquera escritor, que nalgunha ocasión se fascinou coa literatura infantil, fixo ou soñou algunha vez con facer unha versión de Carapuchiña. É un dos contos que máis intertextualidade provoca, ten inserido un gran diálogo aberto, incluso crítico.

Eu sempre tiven moito cariño pola personaxe do lobo fronte a todas as versións que non o poñían en bo lugar. Eu escribín un poema onde Carapuchiña é unha nena caprichosa e frívola que vai buscando un pouco ao lobo. Tamén me gusta moito estenderme cando conto o conto na secuencia do lobo e Carapuchiña na cama, resulta tan transgresor a pesar de que os nenos o perciban como algo natural dado que é un conto que coñecen. Neste caso, Carapuchiña en rose é un conto visto dende a mirada de xénero onde a nena, xa moza, é vítima desa idea que nos vende do amor feliz e dos príncipes azuis, os modelos importados dende o cine ou a música e que logo non sempre coinciden coa realidade. É unha reflexión do desexo que todas as carapuchiñas temos dos grandes soños de amor e do que a vida pode dar de si... É un libro breve, pero moi duro, fala do engano, do maltrato físico pero sobre todo psicolóxico, de seres que, tras da aparencia de bondade e perfección, agochan unha autoestima de psiquiatra. Seres que eu vexo lobos.


Falou doutro libro, A bruxa ribona, onde recupera a figura en Enriqueta Otero.

A bruxa ribona é unha pequena homenaxe a Enriqueta Otero onde utilizo moitos dos recursos da Matilda de Roal Dahl.

Eu coñecín de pequena a Enriqueta Otero*, que era de Castroverde e viviu a última etapa da súa vida alí. Foi unha das comunistas máis grandes que tivo este país, foi duramente represaliada e estivo no cárcere. Cando chegou a Castroverde xa non estaba moi ben psicoloxicamente falando pero aínda tivo un soño, que foi o de pintar unha escola de paxaros e nubes nunha paisaxe e nun momento gris para todos e enchela de libros, falo desa Enriqueta que entende que ler nos conduce á verdade. O resto non me interesa, era un ser humano antes ca nada e ninguén é nunca tan valente para sufrir tanta tortura e ficar calada, ou se o é, e ela non o foi, non me importa, para min é un ser humano digno de admiración, a quen tiven o gusto de ver cando iamos á feira, e me parecía eu con seis anos, que emanaba liberdade e esperanza, outros moldes para as mulleres. O mínimo que podemos facer en Castroverde é lembrala xa que Enriqueta viviu os seus últimos anos na casa paterna, unha casa de labranza grande. Non gustaba moito porque naquel tempo todo o que soaba a exceso era temido e ela era unha persoa que chamaba moito a atención, vestía cunha pel de lontra, era grande, excéntrica e mentalmente, por mor de todo o que tivo que padecer, parecía que ás veces actuaba un pouco desequilibradamente.

Eu tería sete ou oito anos cando un día apareceu Enriqueta por Castroverde, co seu coche, e a xente chamáballe a ribona, porque era da casa de Ribón, pero dicíanllo de forma despectiva. Tivo que pasalo ben mal. Eu mireina e sorrinlle e púxome a man na fronte e preguntoume os anos que tiña e faloume da súa escola do arco da vella e dos paxariños. Rodríguez Fer e Carme Blanco enviáronme hai pouco fotos daquela escola con Enriqueta e faláronme moito dela. Quero agradecerlles aquí esas palabras. Non se debe silenciar que Enriqueta levantou unha escola de bloque co seu diñeiro, e que a pintou de cores, coa arco da vella, con nubes, ... nun momento en que a escola era gris, cos nenos e nenas separadas, eu aínda vivín os últimos estertores das escolas franquistas, nas que lles había que levar mel e ovos ás mestras de saias plisadas para que te sacasen ao encerado e mesmo cousas peores como un único baño que era utilizado exclusivamente polas mestras ou a vez en que con catro anos me sentaron diante dun libro para que aprendese eu soa o que era o concepto de aumentativo e de diminutivo e cando fun “dar a lección” me dixo:

          -A ver, niña, que es el aumentativo?

          -Unha mazá grande.

          -Pero tú eres tonta, ¿y el diminutivo?

          -Unha mazá pequena.

E castigoume contra a parede toda a mañá, e o peor non foi o castigo que iso era a diario, senón as ganas que me entraron de comer mazás que as vía nos pomares da leira da señora Remedios da Casa Nova que nos deixaba comer cantas quixeramos, con tal que non comeramos o verme, que podiamos enfermar. En fin, Enriqueta Otero, vella, fracasada, maltratada e cansa de batallas perdidas, refuxiouse en Castroverde e con aquela escoliña que fixo coas súas propias mans cría que aínda se podían cambiar as cousas. É admirable e tivo que sufrir, porque, a xente non lle deixaba ir os nenos, xa que era unha persoa estigmatizada. Eu quixen homenaxeala con este texto, moi humildemente, porque a súa figura merecería un libro enteiro. Quixen preparar un conto para ler á Ribona dende a miña mirada infantil. É un relato onde unha nena, como a Matilda de Dahl, escapa e entra nesa escola e accede a todo ese mundo de poemas e libros prohibidos, etc.

 

* Enriqueta Otero no Álbum de Mulleres de culturagalega.org

 

Escribe historias para nenos pero dun xeito moi pouco ortodoxo. Fala de traxedias cando eles están moitas veces, por dicilo dalgún xeito, sobreprotexidos.

Escribo contos cruelísimos e non sei por que. Cando llos conto aos nenos ás veces se lles pon a pel de pita. A morte, o baleiro, a diferenza, a inxustiza do mundo, o cinismo, a indefensión, buscar un horizonte de fuxida, aprender a quererse, o mundo circundante e o ideal derrotado... son aspectos que aparecen con frecuencia nos meus libros. Pero tamén a beleza da natureza, do bosque, das estacións, os camiños a ningures, a amizade, o amor, quererse, os animais... etc. Non sei se lles gustan aos nenos os meus contos, cando llelos leo eu mesma vexo que si, de todos os xeitos, a min gústanme moito os nenos de hoxe en día, tan estimulados, tan creativos, tan abertos a todo, e non o entendo como é posible cando vexo como os educan seus pais, canto en exceso os protexen, -por que os nenos de hoxe en día non participan nas penas da familia?, como poden ir aos enterros e familiarizarse coa morte que é a outra cara da vida?, por que se lles deixa fora dos problemas?, por que están tan pouco cos avós?-, parece como se se lles tratara como a nenos de cristal e iso fai seres individualistas e incapaces de asumir que o mundo tamén ten dor e tamén se necesita da solidariedade, no sentido de dar, para ser feliz.

 

Indica influencias do fogar como referencia dalgúns dos seus libros.

Aparecen, unhas veces conscientemente e outras dunha forma máis inconsciente. Creo que todos os escritores escriben dende a vivencia, aínda que non sexa explicitamente, si entre liñas, eu que sei, miña avoa é esa muller de Eu tamén fun peliqueiro de Laza, sempre preocupada polo tempo que pasa sen se deter con ninguén; meu pai é ese home que leva o seu neno á escola en Carrapeto; miña irmá é a María Bolboreta, tan facendosa e madrugadora; miña nai esa xanela aberta que te leva a ver o sol; tamén están persoas que quero, ese Chis Chisgarabís, que é un trasno azul, no medio de trasnos grises...

 

Se algo destaca da súa obra é pola utilización da fantasía e de elementos fantásticos. Iso vén no adn das súas orixes lucenses. Todo o comentado anteriormente da memoria oral?

En As bolboretas douradas ou en Cos petos cheos de cinza escribín, sen ser moi consciente de que estaba facendo literatura infantil, sobre o universo que formaba parte da miña infancia dende dous ámbitos: a tradición oral e a forza que a paisaxe ten sobre todos os galegos. En Cos petos cheos de cinza aparece o personaxe do meu avó, que nomeaba ás árbores polo nome, falaba cos paxaros... El humanizaba a natureza nesa rica e antiga tradición oral galega que recolleu Cunqueiro. Toda esa humanización dos animais venme desa tradición oral.

Como lle dixen, a miña avoa, que aparece en Eu fun peliqueiro de Laza, ten esa especie de superstición de crer nas forzas da natureza, un aspecto moi presente na vida das persoas.

En As bolboretas douradas hai unha intención de facer un texto puramente infantil. Procurei reproducir todo o mundo dos debuxos animados que viamos de cativos mentres comíamos o bocadillo. Eses debuxos animados, como Banner e Flappy, eran unha aposta polo medio ambiente, non só buscaba o puro divertimento do espectador. Os meus relatos non creo que sexan fábulas, senón contos protagonizados por animais. Eu de cativa falaba, como creo que algunha vez fixo todo o mundo, cos animais. Eu tiña unha linguaxe creada coa que falaba co meu can. Unha fala a medio camiño entre os filmes de Tarzán e a imaxinación. Eu sempre vivín rodeada de palabras, o meu pai era un home que falaba moito, en toda a miña familia paterna falaban moito, tiñan facilidade para contar, para lembrar o que viviron e contalo.

Eu de pequena escoitaba as historias de lobos á miña avoa. Eu nunca vivín a presenza do lobo pero si dentro dos seus relatos. A literatura galega é moi debedora da nosa tradición oral. A tradición oral pertence ao acervo colectivo.

No meu caso hai dous personaxes que estou recuperando agora que veño escoitando na casa dende que era pequena: a figura do home do saco e a señora da gadaña. Lembro ao meu avó se disfrazado de home do saco para nos asustar e eu papaba un medo que non vexas. A señora da gadaña simbolizaba a morte, era innomeable, pero estaba moi presente na vida, na tradición. Eu lembro nunha ocasión, tendo uns seis anos, chegou á casa unha señora que vivía afastada do vilar. Era unha señora rara, posiblemente con certo retraso, xorda, tiña algunhas patoloxías... e buscaba o meu avó para que lle fora axudar nun traballo. Entón viña coa gadaña de cortar a herba e a min con seis anos confundiume. Eu corrín cara miña avoa gritando e angustiada: que ven a señora da gadaña!. Eses personaxes están nun proxecto que estou levando a cabo que se titula Palabras de pan.

 

Santiago de Compostela, 2010

 

 

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Outubro 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
7
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Contacontos con Xanotas e Leirotas en Vigo
11:30
Fun4us, Vigo
A cargo de Xanotas e Leirotas
› Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra
11:30
Provincia de Pontevedra
Organizado pola AELG coa colaboración do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra
› A Maxia de Mary Poppins, contacontos en Vigo
12:00
Biblioteca Juan Compañel, Vigo
Actividade para pasar unha hora inesquecible de maxia para o gozo, a risa e a emoción.
› Presentación de Un máis en Moaña
12:00
Libraría Contacontos, Moaña
Tenrura, solidariedade, ledicia, emoción e unha sorpresa final abrollan neste álbum ilustrado
› Congreso Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, en Pontevedra
16:00
Pazo da Cultura, Pontevedra
Ten como obxectivo facer unha revisión da produción poética dos últimos 40 anos.
› Paseos pola Coruña Literaria
17:30
A Coruña, A Coruña
Con Xosé Luís Axeitos, María Solar, María Jesús Fernández e Xabier P. Docampo
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
Data :  07/10/2017
14
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Poemagosto 2017, en Allariz
10:30
Allariz, Allariz
Poesía, concertos, charlas, actividades infantís, micros abertos, combate poético...
› Contacontos con Xanotas e Leirotas en Nigrán
12:00
Donde viven los cuentos, Nigrán
A cargo de Xanotas e Leirotas
› A viaxe da Palabra que non era valente na Coruña
12:30
Café-libraría Berbiriana, A Coruña
Silvia Penide e César De Centi sacarán de novo á súa amiga Palabra a pasear coa axuda do público.
› Presentación de O proceso a Lucía Fidalgo en Sober
19:00
Centro Sociocultural, Sober
Edicións Fervneza publica esta obra teatral do autor chantadino
› Cuarentena, poesía feminista, en Ourense
20:00
A Galleira, Ourense
Tarha Erena Sarmiento, poeta e feminista, leva a súa obra Cuarentena á Galleira
› Presentación de Terra queimada na Guarda
20:00
Casa da Comunidade de Montes, A Guarda
Ramón Caride presenta a súa última novela, publicada por Embora
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
Data :  14/10/2017
19
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Obradoiro sobre o libro O camiño a casa en Compostela
18:30
Biblioteca Afundación, Santiago de Compostela
Lectura do conto pol tardutora do libro e actividade sobre animais migratorios
› Sinatura de Pedro Feijoo na Casa do Libro de Vigo
19:30
Casa do Libro, Vigo
Pedro Feijoo presenta a súa nova novela, publicada por Xerais
› Os xoves do Vindel, en Vigo
19:30
Edificio Cambón, Vigo
Organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo
› Presentación en Compostela de O valo
20:00
Salón Teatro , Santiago de Compostela
Carlos Labraña presenta a obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016
› Presentación en Oleiros de A elegancia do século
20:00
Teatro As Torres, Liáns (Oleiros)
Pura Tejelo presenta o libro co que acadou o Premio Johán Carballeira 2016
› Presentación de O humor en cadriños II en Vigo
20:00
Libraría Andel , Vigo
Coa participación de Kiko da Silva e Félix Caballero.
› Presentación de O Livro Branco en Compostela
20:20
Lorenzo Design, Santiago de Compostela
De Alexandre Brea Rodrigues, publicado por Livros de Ontem
Data :  19/10/2017
21
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› X Xornada de Literatura Oral, en Lugo
10:15
Pazo de San Marcos, Lugo
Nesta ocasión, farase fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, ...
› Merenda con Pan de millo na Coruña
11:30
Centro Ágora, A Coruña
Espectáculo baseado no libro-disco Pan de millo
› Contacontos Benéfico con Xanotas e Leirotas en Vigo
11:30
Café Teatro Mimosa , Vigo
A cargo de Xanotas e Leirotas
› Presentación-obradoiro de ilustración de As receitas de Rosaura en Moaña
12:00
Libraría O Pontillón, Moaña
Ao remate da presentación farase un obradoiro de ilustración.
› Paseos pola Coruña Literaria
12:00
A Coruña, A Coruña
Con Xosé Luís Axeitos, María Solar, María Jesús Fernández e Xabier P. Docampo
› Presentación de Tattoo en Vigo
18:00
Banda Deseñada, Vigo
Santiago Paredes presenta o seu novo traballo, publicado por Demo editorial
› Presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima en Madrid
19:30
Tipos infames, Madrid
Dentro do marco de actividades de POEMAD, VII Festival de poesía de Madrid
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
› Poética a três, en Vigo
20:30
C.S. A Revolta do Berbés , Vigo
Con Manuel López Rodríguez, Pedro Campos e Ramiro Vidal
Data :  21/10/2017