Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Hixinio Puentes

Rate this item
(6 votes)

 hixinio_puentes

Ler a Hixinio Puentes é retroceder ao noso pasado, á nosa xuventude, a ese mundo de espadas, piratas e fusís de pao. É volver ás primeiras lecturas dos clásicos de aventuras. É soñar mentres gozamos da lectura. É iso e é moito máis, porque Hixinio Puentes utiliza a palabra como arma, e o libro como campo de batalla.

Hixinio Puentes escribe ben, realmente ben. Moitas horas de estudo permítenlle debuxar polo miúdo os escenarios nos que se moven os seus personaxes. Son temas que o apaixoan e ten a grata capacidade de transmitilo ao lector, quen retrocederá durante a lectura ata o século XIX de Trafalgar, ao século XVII de Monbars, á I Guerra Mundial ou camiñará ao carón de Mamede Casanova polos montes do Ortegal fuxindo da Garda Civil. Viaxará e falará como eles, porque outras das capacidades do  mañonés é transmitir eses xiros idiomáticos e localismos que están a se perder.

Mantivemos no Porto do Barqueiro, concello de Mañón, vila natal do novelista, unha longa conversa na que nos ofrecerá unha visión dos momentos históricos e as paisaxes das súas novelas.

 


 

Ven de publicar A do vinte e un, novela gañadora do premio Risco de Creación Literaria, pero esta non é a súa última novela, senón a primeira que escribiu.

Como ben dis A do vinte e un é a primeira novela que escribín e coa que aprendín precisamente a iso: a escribir, alá polo ano 1992 ou 1993. A do vinte e un levoume o seu tempo rematala porque é unha novela cunha grande densidade histórica, maila que a simplifiquei e alixeirei de contidos.

Comeceina a escribir en castelán –daquela eu escribía en castelán-, ata o momento en que me decatei de que realmente o que me interesaba era facer literatura en galego. Entón, a metade do traballo, traducín ao galego o que levaba escrito e continueina así.

En todo este tempo a novela participou nalgún que outro concurso e quedou moito tempo parada. Sufriu moitas correccións. Na derradeira elimineille case preto dun cento de páxinas de ordenador, ocupaba case o duplo da edición que tirou Sotelo Blanco.

Cos anos pareceume que era o parruliño feo da miña obra, incluso pensei nalgunha ocasión en guindala ao mar e mira, finalmente deume unha gran satisfacción co Premio Vicente Risco.


En O bandido Casanova (Xerais) -a súa primeira novela publicada- combina un feito histórico co escenario omnipresente do Ortegal. Aparece a aventura. ¿Cal sería ese lugar común no cal conflúen os seus vieiros literarios? ¿Poderían ser eses tres mencionados?

O bandido Casanova é a terceira obra extensa que escribo (e a primeira en ser publicada). Abofé que é unha novela onde atopamos aventuras e historia.

Mamede Casanova, alcumado Toribio, era un personaxe do que escoitara falar toda a miña vida na vila. Toribio era natural deste concello de Mañón, de Portonovo, nas Grañas do Sor.

Conflúe aquí o meu gusto pola historia, pola aventura e neste caso esa pequena historia particular da bisbarra na que nos atopamos: a vida de Toribio das Grañas.

Toribio foi un personaxe que se moveu por toda a comarca e que transcendeu moito, tanto na prensa como nos escritores da época. A obra Las galas del difunto de Ramón María del Valle-Inclán está inspirada no caso este de Toribio.


Sinala a influencia en Valle-Inclán pero foi caracterizado igualmente, por exemplo, pola Pardo Bazán, Unamuno ou Julio Camba. Logo está toda a tradición oral. ¿Aínda se lle recorda polo Ortegal a Toribio?

Dedicáronselle cantares de cego e literatura de cordel, pero sobre todo escribíronse moitos folletos. Teño coñecemento de que o propio Unamuno, cando estivo por Galicia nun ciclo de conferencias, sorprendeuse moito de que se venderan tantos na Coruña. Coido ademais que o seu retrato estaba exposto na galería dunha importante casa de fotografía da Coruña.

Canda neno sempre escoitei falar de Toribio, ademais moveuse moito tanto por este concello como por outros limítrofes, como por Muras, As Pontes ou Ortiguera.

N’As Grañas o tema era moi candente, xa que houbo moitas persoas vencelladas ao asalto á Reitoral que se relata na novela. De feito, cando presentei O bandido Casanova nas Grañas houbo asistentes que se exaltaron un pouco dicindo que as cousas que conto non eran certas ou que non se produciran os feitos deste ou daqueloutro xeito. Aínda quedan descendentes e parentes de Toribio e do pai natural de Toribio.

A súa estela aínda corre pola montaña e por todos os lugares que indiquei antes nos cales se moveu. A presentación n’As Pontes foi multitudinaria. Non creo que volva haber tanta xente nunha presentación miña como daquela. E coido que foi así porque lles tocaba moi de preto o tema de Toribio.


En O bandido Casanova narra, en primeira persoa, os acontecementos de Mamede Casanova, o último bandoleiro galego. No seu libro despréndese o que en realidade é unha loita pola supervivencia, en lugar dun xeito de vida consciente de bandoleirismo.

Mamede é un rapaz que intenta sobrevivir. Hai que ter presente o momento histórico no que se moveu: un tempo de moita emigración, onde os homes novos da contorna emigraban a La Habana.

A montaña na que naceu Mamede estaba densamente poboada, moitísimo máis do que pode estar agora. El era fillo de solteira e na súa casa vivía unha tía. Mamede era un home moi arroutado, moi atrevido e moi forte. Moi afoutado, enfrontábase con calquera, non lle tiña medo a ninguén. Entón tivo a mala sorte de que nun contencioso económico entre o crego das Grañas do Sor e unha taberneira, por mor dunha feira que se quería celebrar alí, transcendeu un continuo malestar na parroquia e unha mala noite a taberneira acendeu a todos coa beba. O que comezaría como un susto ao crego rematou cun asasinato. Todos os indicios apuntaron cara Mamede, pero polas investigacións que levo feito coido que el non foi o asasino, aínda que evidentemente si que estivera no lugar.

Esta cuestión levou a Toribio a declararse en rebeldía, co cal converteuse en bandido -que é precisamente iso, un delincuente buscado por un bando- e botouse ao monte coa escopeta en bandoleira. Sendo moi bo coñecedor da xeografía da zona non foi doado prendelo, ata que o crego do Freixo montou unha estrataxema e Mamede caeu na trampa.

En verdade Mamede era un rapaz moi novo, tería ao redor de vinte e un anos cando cae preso. Máis adiante fíxose célebre por algunhas fugas do cárcere e todo isto vaino levar a un xuízo no que será condenado a pena de morte, transmutada en perpetua máis adiante. Estivo no cárcere uns vinte e cinco anos e percorreu practicamente todos os penais da época. É posible que dentro dun deses cárceres matara a unha persoa, pero iso xa é outra cousa...

Era un personaxe moi arroutado. Temos que considerar que cando el desenterra un cadáver para roubarlle o traxe non cumprira os dezaseis anos. Esta é a pasaxe que daría pé a Valle-Inclán para escribir Las galas del difunto que comentei anteriormente.


¿Cómo era a paisaxe pola que se movía Toribio?. Hai un momento da novela en que a nai ten que facer o percorrido desde As Grañas ata o cárcere da Coruña para poder ver o fillo, unha viaxe que debía ser moi dura de realizar dentro do período do que estamos falando.

Daquela, poñámonos no ano 1903, había corredoiras de pé e corredoiras de carro. A nai de Toribio, para poder chegar á Coruña, debería desprazarse previamente desde As Grañas ata Ortigueira e alí montar no coche de liña de cabalos ata Ferrol. En Ferrol cruzábase a ría ata Coruña no barco da pasaxe. Ese era o camiño que se facía normalmente nese tempo. A nai de Toribio, sen recursos, seguramente tería que pedir esmola polo camiño para chegar ata Coruña.

A nai era unha muller de personalidade moi forte, agarimosa do seu fillo. Nun momento en que o Rei Afonso XIII visita Coruña, quere axeonllarse perante el para pedir clemencia para o seu fillo, condenado nese momento a morte. Evidentemente non lle deron audiencia, aínda que de seguro fíxoo ante Montero Ríos ou Fernández Latorre, para que intercederan ante o Rei, cousa que fixeron e se lle conmutou a pena de morte pola inmediata, que era a perpetua.


A pesares do tema do asasinato, era moi querido na zona.

Mamede era só un rapaciño. Cando aconteceu todo iso houbo moitas familias que o protexeron, apreciaban tanto a Mamede como a súa nai e a súa tía. En poucas partes enfrontáronse a el. Aínda hoxe en día fálase con agarimo de Toribio pola zonas das Grañas.


A lingua dos antergos fala a través dos seus libros. Utiliza unha linguaxe que parece brotar en torrente das entrañas da terra. ¿Cre que se perderán todos os xiros lingüísticos que utiliza vostede na súa literatura?

A lingua galega está pasando unha crise, ninguén pode negalo. Hai que recoller todos estes vocablos, xiros idiomáticos, verbas que se empregaban naquela época e que foron caendo en desuso. Eu fago acopio delas e utilizo nos meus textos expresións que están abocadas á desaparición ou a piques de se perder.

É unha mágoa que ese patrimonio idiomático se estrague. Eu, por exemplo, teño un mapa do litoral desde o cabo Prior ata Ortegal que fixo unha xente de Cedeira e está confeccionado en base a todos eses topónimos que utilizan os mariñeiros e a xente do lugar e que non veñen recompilados en ningunha publicación oficial. É un extenso vocabulario que desaparecerá cando morra toda esa xente.


Aguillóns de Ortegal (Xerais) ten como escenario a I Guerra Mundial de fondo, que tivo un protagonismo especial no Ortegal, como veremos máis adiante no seu libro Os naufraxios da Galicia norte.

Escribín esta novela despois de facer unha esculca sobre a guerra submarina do catorce e a súa relación co litoral galego. Nesta gran guerra bregaron os submarinos alemáns a finais de 1914 e principios de 1915, mais foi a partires do 1 de febreiro de 1917 cando declararon a guerra submarina total, cando os alemáns entenderon que tiñan a guerra perdida e iniciaron esta ofensiva coa intención final de que os aliados asinaran unha paz.

En base a estas esculcas que fixen polos arquivos por mor dun traballo ata o de agora inédito, concibín facer unha novela baseándome nisto, aínda que o motor xeratriz foi outro un tanto distinto: poñer a uns personaxes nunha situación da que non se puideran afastar, ao xeito do Decameron, cando fican recluídos pola peste. Como dicía, quería recluír aos meus personaxes dunha situación da que fora imposible evadirse.

Investigando na prensa da época atopei un bote de náufragos que arribou a Cariño no ano 1917. Este bote aportou tras nove singraduras polo mar adiante. En verdade os tripulantes non sabían onde estaban. Chegaron en pésimas condicións, con algún morto e con outros guindados pola popa ao mar. Aínda fica algunha fotografía desa arribada a Cariño, que puiden ver.

Un deses náufragos, ao igual que o meu Fonseca de Aguillóns do Ortegal, sufrira dous afundimentos en menos de vinte e catro horas por torpedo. Nunha desas fotografía vin cómo eran o bote e os náufragos que chegaron a Cariño. Entre eles había un home que ía cara a illa de Santa Helena destinado a un consulado para se repoñer da súa maltreita saúde. Acompañábao súa dona e unha criatura pequeniña de meses que chegou con vida en Cariño, pero unha vez que entrou no hospital da Caridade de Ferrol -o que hoxe é o Torrente Ballester- enfermou dunha meninxite e morreu ao pouco tempo de chegar a terra.


En tempos de guerra recoñecémonos no aforismo de Thomas Hobbes de que o home é un lobo para o home. O ambiente bélico aparece implicitamente tanto nesta novela como en A do vinte e un. Nese estado emocional brota o espírito de supervivencia e o afán de cobrarse a xustiza pola súa man. Xurde a xenreira de Fonseca cara os alemáns.

Abofé que si. Fonseca é un portugués que navega cos ingleses, algo moi habitual naquela época. Moitos mariñeiros navegaban con algunha nación que estivera en guerra porque se pagaba ben e no caso de naufraxio estaban as compensacións de guerra. Xente deste Porto do Barqueiro tamén navegaron baixo pavillón estranxeiro.

Aguillóns do Ortegal deume pé a situar a escena nesta paraxe xa que é unha costa de fachos con puntos altos de vixía na Serra da Capelada. Ao carón de San Andrés de Teixido está a garita da Herveira, situada a máis de seiscentos metros sobre o mar. Eu quixen argallar unha situación na que a garita se utilizara como un punto de vixilancia por parte dos alemáns para vixiar a costa. A min cónstame que por esta zona circulaban tras submarinos alemáns que se abrigaban na enseada de San Andrés. Comprobouse igualmente que mariñeiros da zona mantiñan contacto e facían intercambio con eles, como peixe por tabaco e cousas similares.


Unha das escenas máis costumistas que aparece na novela é a cena na casa do crego de San Andrés de Teixido, onde se reúnen todas as forzas vivas.

San Andrés é un santuario que recibe moitos romeiros e fieis pois ten tres ou catro días importantes ao longo do ano. Eu situei ese banquete nun deses días principais.

Nestas festas ou días sinalados de hai un tempo xuntábanse os sacerdotes doutras parroquias veciñas e autoridades da zona. Eu escoitara falar dun párroco que daquela obraba en San Andrés de Teixido: don Manuel Alejo Miragalla, procedente da zona de Abuín. Este Manuel Alejo era un home ben grande, con fama de comellón. Celebraba banquetes pantagruélicos e a súa parte da mesa estaba labrada en forma de arco para apousentar o seu bandullo e deste xeito poderse achegar máis. Estaba tan groso que nunha ocasión convidárono a visitar un submarino e non puido entrar pola escotilla. Pódese ver o grande que era por fotografías da época. Escribíronse artigos sobre el e as súas afecciones á caza e ao comer, polo que aproveitei para debuxar un banquete de moito comer e de moito beber. Gocei escribindo esa pasaxe.

Outro dos que aparecen no banquete de San Andrés de Teixido é Pepe e Medio, chamábano así porque era enorme... era Pepe... e medio. Eu lembro de velo pasar pola rúa co seu grande maletín porque era un cobrador de contribucións.

Tamén está Carlos Bares, amigo do anterior e doutros tipos enormes. Como Carlos Bares era o máis pequeno de todos -só pesaba 140 quilos- dirixíanse a el como o Pequeno. Falábase de que entre tres ou catro comían nunha semana en San Andrés un cocho enteiro ademais doutras viandas levadas desde O Barqueiro.

Eu quedei moi satisfeito desas páxinas e aproveito para situar aos alemáns, cos que de seguro o párroco mantiña algunha relación. Ficaban convidados como xente estranxeira que roldaba a zona. Iso deume pé a min para atacar aos alemáns.


Presenta a escena do naufraxio como un momento no que desaparece a loita de clases. Todos os personaxes con rango que nin miraban cara Fonseca loitan con el para sobrevivir. Hai un intercambio de papeis.

No mundo civilizado hai unhas categorías impostas por certas arbitrariedades, como poden ser os roles ou status de cada persoa, os seus oficios ou as súas facendas. Pero cando os homes teñen que se enfrontar contra a natureza eses roles non contan e cambian os papeis, cambia a xerarquía. A nova orde principia nas persoas máis fortes.

Na novela debuxei a Fonseca como un personaxe forte. Foi o único que tiña azos para guindar pola popa aos que ían morrendo no bote. En chegando a Cariño, foi dos poucos que arribou a terra polo seu propio pé. Para escribir este libro partín das novas que se publicaron na prensa daquela época.


Tras gastar varias das sete vidas que lle prognosticou unha meiga a Fonseca canda neno no mar, Fonseca teima en non se mover de terra, formar unha familia, non se xogar a vida no mar. ¿Cómo é a vida dun mariñeiro unha vez que deixa o bote de pesca no peirao?

Por estes portos hai dous tipos de mariñeiros: os que traballan en navíos mercantes e os que traballan preto de terra.

Aquí levábase sobre todo a cabotaxe, moito mellor pagada. Estes mariñeiros navegaban ata os corenta anos aproximadamente e logo retirábanse. Unha vez distanciados da mercante facían outro tipo de vida. Os mariñeiros que andaban nestes barcos tiñan contratos por un ano. Nese tempo nin volvían á casa nin tiñan contacto coas súas familias. Logo podían asinar un contrato novo ou non. Algúns estiveron tres ou catro anos sen pisar practicamente terra.

Cando se retiraban, e para non tirar toda a vida afastados dos seus fogares, tiñan que se dedicar á pesca menor, nesta zona ás luras, á pota, etc... Así era a vida.

Logo están os mariñeiros que nunca foron á mercante. Estes gañaron moito menos porque non había daquela bos soldos nin o peixe custaba igual que agora.


Racha en Monbars o Exterminador (Xerais) coa visión tradicional do mundo pirata que nos legou o cine e os clásicos literarios. Móstranos aquí esa imaxe do pirata no seu retiro, quen gusta de cazar, ficar no barco... e a quen, de non ocorrer os avatares que se mostran na novela, levaría unha vida tranquila e calma.

Cando escribo Monbars tento continuar coa cuestión do mar que principiara coa novela A do vinte e un. Monbars é a miña segunda novela e a terceira publicada. Procuro persistir co mundo do mar, coas manobras dos barcos de vela. Decateime de que podía tirar polo mundo da piratería, polos corsarios. Escribir sobre a bucana do Caribe e do mundo filibusteiro.

Monbars é un filibusteiro, un deses piratas que actúan pola súa conta e risco, sen patente de corso. Navegan barcos moi veloces. De aí ven ‘filibusteiros’, que fai relación ao tipo de embarcación utilizada: fragatas baixas e moi veloces, desprendidos de todo lastre que poida ralentizar, necesarias para cazar outros barcos.

Para esta novela fágome cun pirata francés do Languedoc e sitúoo cuns corenta anos, unha idade moi avanzada para o período do que estamos falando, a segunda metade do século XVII. Monbars está afastado da vida de acción, da vida aventureira. El vive nun punto estratéxico como son as illas anglonormandas, en Jersey. Se ten algún problema cos ingleses lisca a Francia e viceversa, e fica preto de Dunquerque para poder fuxir aos Países Baixos. Escribín Monbars o Exterminador derriba dunha carta náutica onde vou sinalando os puntos nos que se move o pirata, entre Jersey, Saint-Malo e Penn-Poul, unha zona que coñezo ben tanto de visitala por mar como por terra, o que me axudou a precisar algúns topónimos.

Predomina nesta novela o mundo do mar. Pinto a Monbars como un home moi forte, un tanto gris, anárquico como bo pirata que é, sen lle deber obediencia a ninguén. Ao longo da historia cuestiónanse valores importantes como son a monarquía, a liberdade, as liberdades persoais, as leis... son cuestións a analizar e incluso transcenden dese momento histórico para levarnos a cuestionalas no mesmo momento en que as estamos lendo, hoxe en día.


Se de Mamede Casanova nos chegou información sobre a súa vida e sucedidos, especialmente polo ámbito cronolóxico no que se move, de Monbars case non existe documentación. ¿Axuda este factor para que o escritor se ceibe do xugo da Historia e dálle azos para a imaxinación e para a fabulación?

Xustamente. Podemos partir dun punto na historia ou dun personaxe histórico, recrearnos nun momento da Historia determinado pero logo botamos a fantasía a voar. Aínda que se trate dunha novela histórica pódense contar moitas mentiras. O escritor é un gran mentireiro. É imposible crer a Cunqueiro cando escribe.

Na novela móstranos as dúas caras de Monbars: un pasado de violencia e un presente de onde vive como un xentilhome.

Vive como un xentilhome. Póñoo en relación coas autoridades da illa e involúcroos nunha cuestión de matute. A canle da Mancha tradicionalmente foi unha zona de contrabandistas.

Monbars foi un personaxe que existiu realmente, pero nos libros franceses de piratas non é doado atopar gran cousa sobre a súa vida, salvo uns poucos apuntamentos. Navegou de cativo cun tío seu en corso e ao pouco de comezar o tío morre nunha acción pirata e Monbars toma o control do barco. Non se procura de ningunha carta de patente para actuar e faino pola súa conta.

Esta é unha novela de espadas e de pólvora, e Monbars domina tanto unha arma como a outra. Na novela vese que cando se atopa fronte a unha situación comprometida non dubida en utilizar as armas. É unha persoa afeccionada ao alcol, o ron ten que correr, violéntase coa beba. Non teme a ninguén.

A acción desenvolvese no reinado de Luís XIV. Aproximadamente entre os anos 1670-1672, o que me obrigou a debuxar a sociedade da época de guerras, os problemas nos Países Baixos, os andazos, a fame...

A Monbars denominaban os seus compañeiros o Exterminador. Cando capturaba un barco español metía a súa tripulación nas adegas e afundía o barco. Tíñaos moita xenreira, pois temos que entender que era languedociano e pola súa terra pasaban a miúdo os barcos de guerra españois para as guerras contra Francia e os Países Baixos. Foi un dos piratas máis crueis xunto a François l’Olonnais, que ten fama de ser o pirata máis sanguinario.


Unha das escenas máis espectaculares do libro é o xuízo no que se ve involucrado, onde sae a relucir diversos temas que ben poderían ser actuais.

Esa escena da lugar a que eu poida facer unha análise do mundo pirata. Fálase de todo: de piratería, de corsarios, do mundo da bucana, dos filibusteiros, das leis que imperaban entre eles, como funcionaban os contratos, dos grandes capitáns, da vida nos barcos, dalgúns feitos importantes como a toma de Panamá por parte dese gran estafador que foi Morgan... Serviume para facer análise de todo iso e para valorar certas categorías como dixen antes sobre a liberdade, a monarquía, as leis, a forza, etc... Ocupa unha grande parte dentro da novela pero coido que pode ser interesante. Ademais sérveme para que se desencadee o final do libro...


A batalla de Trafalgar é un dos momentos cumios da historia europea. Segue co vieiro iniciado sobre o mundo de mar e nesta ocasión vemos un profundo achegamento á vida e á guerra nos barcos nunha primeira parte e unha intriga política na segunda parte de A do vinte e un (Sotelo Blanco)

Sempre definiuse Trafalgar como unha gran derrota para España, pero eu non o vexo así, senón como dun gran desastre. Trafalgar foi o meirande combate naval con barcos de vela que viron os séculos. Houbo unha batalla entre a flota británica e a combinada francoespañola, cando se xogaron a talasocracia.

É un momento histórico onde o imperio británico xurde con forza e para España é o principio do fin do seu imperio, que perderá entre 1805 e 1898. Para España o seu imperio era moi difícil de conservar pola súa grande extensión. Necesitaba unha flota máis grande da que tiña para poder defender e perpetuar os seus virreinados.

Para os españois Trafalgar foi un auténtico desastre, ao que foron abocados polos franceses. O combate foi dirixido por Pierre Villenueve, un militar timorato aínda que posuía grandes coñecementos. Había xa uns antecedentes moi malos, perdéronse moitos navíos diante de Fisterra nun encontroazo co inglés, do que moita culpa a tiveron os franceses.

Antes do combate de Trafalgar houbo disputas internas entre españois e franceses, aos que tildaron de covardía, aínda que logo se demostrou que houbo franceses que loitaron con moita honra, como o contralmirante Charles Magon, quen acabou dirixindo o seu barco metido nun tonel de fariña porque quedara sen pernas dun canonazo. Pero en verdade a dirección militar non estivo á altura das circunstancias, e un xenial Nelson levou aos británicos á vitoria.

Os británicos eran moi bos e experimentados mariñeiros, mentres que na flota española houbo soldados de terra adentro que nunca antes navegaran e mareábanse nos barcos. Como remate ao combate desencadeouse unha tempestade que termina levándose os navíos, daquela xa sen temóns, moi danados, sen goberno... que esbarrancan pola costa gaditana e onubense. Ese é o momento no que eu sitúo A do vinte e un.


Seguramente esta sexa a súa novela máis clásica no ámbito aventuresco. Onde aparecen máis definidas as diferentes partes e tramas da historia.

Si, eu creo que é clásica, de corte máis tradicional. Moi extensa, aínda que o foi máis. Como dixen ao principio desta entrevista foi a primeira novela que escribín e tiña moito por aprender, aínda que despois das correccións que fixen creo que é un libro que se defende por si mesmo. Esta novela sérveme para empregar a terminoloxía mariñeira, o que supón un grande esforzo. Cando escribimos e utilizamos termos mariñeiros hai que pensalo moito, xa que non están reflectidos en ningunha parte. Unha verba que en galego utilízase, por exemplo, na construción de buques un zapón, que é a boca dunha adega, eu négome a empregala, porque en ningún porto de mar un mariñeiro sabe o que é un zapón, saben o que é unha escotilla, pero non empregaron nunca zapón, non saben o que é. Eu négome a empregar certas verbas porque non significan nada entre o mundo do mar, pode significar entre os lingüistas pero non se utilizou xamais na vida entre os mariñeiros.


¿Cal era a presenza galega nos busques da Armada española?

Polo xeral xente con portos de mar estiveron aí. En España existen tres grandes arsenais: Cartaxena, Cádiz e Ferrol. Cada arsenal nútrese coa xente recrutada de cada zona marítima. Explícome: a Ferrol chegan ou chegaban polo servizo militar toda a xente alistada na mariña entre Baiona e Francia. Como dicimos por aquí, de Baiona a Bayona. Sen ter datos fidedignos, estarían enroladas xentes de Cantabria, vascos, de Ferrol, de seguro que deste Porto do Barqueiro tamén houbo enrolados ou inscritos.

Foi unha Armada que antes do desastre do vinte e un pasou por Ferrol. A idea de Napoleón era que esta escuadra controlara a Canle da Mancha antes dun asalto ás Illas Británicas por terra e mira ao final como rematou...


Utiliza ao protagonista, Xan Pardiñas, como testemuña de luxo para contarnos ao lector os pormenores do que se fala entre os altos mandos da combinada.

Eses son os trucos que empregamos os escritores. Para poder relatar nunha obra o que queremos ou o que nos interesa temos que buscar as ferramentas necesarias para facelo. Eu sitúo a Xan Pardiñas como un axudante dos militares que teñen o mando. Asiste e escoita o que se fala, píntoo como unha persoa de gran memoria para que poida repetir frases textuais. A historia da literatura está chea de historias que parten da boca dos criados.


Unha intriga política cos procesos de independencia de Venezuela e de Irlanda ocupa a segunda parte da novela.

O protagonista da novela, Xan Pardiñas, serve como axudante -o que se coñecía como reposteiro naquela época- a unha serie de militares. Primeiramente estará ás ordes de Xaquín Moreno d’Houtlier e posteriormente de Ruíz de Apocada, quen tras a rendición dos navíos franceses que se estaban a reparar na baía de Cádiz foi nomeado embaixador español en Londres. En Londres Ruíz de Apocada solicitará axudas para liberarnos dos franceses que están invadindo España, o que posteriormente sería a Guerra de Independencia, aínda que sería máis acaído Guerra de Liberación.

Nese xusto momento están os independentistas latinoamericanos buscando a axuda dos británicos para sacudirse do xugo hispánico dos virreinatos en América. É un momento no que conflúen Francisco de Miranda, en Londres preséntase un pipiolo Simón Bolívar, quen aproveita a viaxe para facer o xuramento en Roma de dedicar a súa vida á liberación de Venezuela, Colombia, etc... A fin era independizarse aproveitando os problemas internos que daquela asolagaban España.

En base a isto eu teño a posibilidade de argallar unha trama de espionaxe. Convertín aos irlandeses, por outra banda un pobo dun gran amor cara os cabalos, en cocheiros de Londres, o que tamén me axudou a fabricar unha historia sobre o arredismo irlandés.


Aparecen esta novela, máis que en ningunha outra das que leva escrito, o tema do amor. Utilízao para lidar unhas boas conversas entre os amantes.

Pardiñas é un rapaz da costa galega, espelido, falangueiro, con xeito. Pero fronte a el temos a chispa gaditana. Nesta obra, onde o lector pode atopar acción, combates, festas ou reunións de sociedade de época, hai unha cuestión de amor. Ao longo da novela Pardiñas ten diversas mozas. El é un rapaz novo. Sae da súa terra sendo un neno sen experiencia algunha coas mulleres. A súa adolescencia vaise desenvolver en Cádiz. Terá unha primeira moza que se malogra polo andazo e logo virá unha segunda un tanto lixeira de cascos. Novamente atopará o amor cunha rapaza irlandesa, do norte coma el, de carácter forte.


Os naufraxios da Galicia Norte (Lea): ¿A historia marítima de Galicia está vencellada aos naufraxios?

A historia marítima de Galicia está vencellada aos naufraxios. Precisamente nestes días puidemos escoitar como César Antonio Molina, exministro de Cultura, avogaba pola creación dun Museo dos Naufraxios aquí en Galicia.

No tempo dos barcos de vela esta foi unha costa moi perigosa. Como me ten dito algún mariñeiro, neste zona nacen os ventos. Bares, o Ortegal, Fisterra, practicamente todo o litoral de Portugal... son zonas de difícil navegación, especialmente en inverno cando os ventos de compoñente oeste abaten os barcos de vela contra a costa.

Nos últimos cento corenta anos, dende que naceu a navegación á maquina, eu denomino ao noso litoral como a ruta do carbón. Esta ruta principiaba en Pravia ou en Xixón en España, ou dende moitos portos británicos, como o de Cardiff. Todo este carbón pasaba por diante das nosas costas cara o Índico, o Mediterráneo ou o Atlántico Sur. Evidentemente isto produciu un gran incremento de tráfico fronte ás nosas costas e por mor das condicións meteorolóxicas, do desvío dos compases baixo o efecto das néboas e sendo esta unha zona de cambio de rumbo ou de recaladas, moitos deses barcos embarrancaron na nosa costa, tendo negro protagonismo a Costa da Morte.

Eu penso que se debería de facer ese Museo dos Naufraxios. O noso litoral está inzado de pecios. Iso sábeno moi ben os patróns de barcos de arrastre.


Lendo o seu libro decatámonos que non só a zona da Costa de Morte, tamén esta foi unha zona onde afundiron centos de barcos.

Si que houbo centos de naufraxios. Eu principiei con este traballo queréndoo enfocar como local do Barqueiro. Máis adiante vin que había aspectos interesantes para estudar nas zonas veciñas, pero ao final tiven que poñer un límite porque senón sería un traballo practicamente infinito, sería demasiado grandioso e difícil de presentar nunha soa obra. Finalmente tirouse do prelo en dous volumes.

Nesta parte de Galicia, entre a Punta Coitelada no concello de Ares e a Punta da Cruz en Ribadeo, rexistrei moitos naufraxios de tarrafas, lanchas, mercantes,... Hai que ter presente que neste anaco do litoral no que nos atopamos, onde se producen menos naufraxios -pero si que se producen-, coa néboa veñen embarrancando en Bares.

Eu quixen facer o rexistro destes naufraxios porque ata entón non existía ningunha obra e crin necesario encher ese baleiro.


¿Foi doado este traballo de recompilación? Vemos que vostede ofrece os datos da xente embarcada, a súa procedencia, matrículas dos navíos, cantos salvaron a vida e cantos afogados, etc.

Non foi doada a esculca. Necesitei revisar moitas hemerotecas para ver a prensa da época, mover toneladas de documentos en Ferrol e noutros arquivos. Volvíanseme negras as mans, deixei saúde e vista en ducias de bibliotecas. Foi un traballo inxente, de centos de horas.

Este é un traballo que non ten principio nin final. Sempre están naufragando embarcacións. Eu tiven que dar nun momento dado o meu traballo por rematado e entregalo á editorial. A editorial decidiu sacar un segundo volume tras ver a aceptación que tivo o primeiro.


¿Cantos naufraxios se recollen no libro?

Xa non lembro o número exacto, pero deberon de ser entre 700 e 800 de todo tipo de embarcacións.


Logo está a xente que recolle nas praias os restos dos naufraxios.

Iso sempre foi así. O mar sempre acaba botando os restos dos naufraxios ás praias ou ás penas e a xente dedicase a recoller. Nesta terra chámase ‘andar aos achados’.

Algunha xente o primeiro que facían polas mañás era saír a pasear ás praias a ver que atopaban. Podes atopar calquera cousa: dende o corpo dun afogado ata salvavidas, zapatos, electrodomésticos... calquera cousa.

Cando hai un tempo os barcos embarrancaban preto da costa presentábanse no lugar o corpo de carabineiros –que creo que agora xa non existe- para que a xente non rapinara. Os restos dos naufraxios ou a mercancía xa non pertencían ao armador ou ao capitán do barco, senón á empresa aseguradora, quen os recollía e vendía para minorar os gastos.

As xentes do litoral presentábase no lugar xogando un pouco ao gato e ao rato cos carabineiros ou coa grada civil. Iso pasou tanto aquí en Galicia como en calquera litoral do mundo.



Porto do Barqueiro, Maio do 2010

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Outubro 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
7
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Contacontos con Xanotas e Leirotas en Vigo
11:30
Fun4us, Vigo
A cargo de Xanotas e Leirotas
› Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra
11:30
Provincia de Pontevedra
Organizado pola AELG coa colaboración do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra
› A Maxia de Mary Poppins, contacontos en Vigo
12:00
Biblioteca Juan Compañel, Vigo
Actividade para pasar unha hora inesquecible de maxia para o gozo, a risa e a emoción.
› Presentación de Un máis en Moaña
12:00
Libraría Contacontos, Moaña
Tenrura, solidariedade, ledicia, emoción e unha sorpresa final abrollan neste álbum ilustrado
› Congreso Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, en Pontevedra
16:00
Pazo da Cultura, Pontevedra
Ten como obxectivo facer unha revisión da produción poética dos últimos 40 anos.
› Paseos pola Coruña Literaria
17:30
A Coruña, A Coruña
Con Xosé Luís Axeitos, María Solar, María Jesús Fernández e Xabier P. Docampo
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
Data :  07/10/2017
14
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Poemagosto 2017, en Allariz
10:30
Allariz, Allariz
Poesía, concertos, charlas, actividades infantís, micros abertos, combate poético...
› Contacontos con Xanotas e Leirotas en Nigrán
12:00
Donde viven los cuentos, Nigrán
A cargo de Xanotas e Leirotas
› A viaxe da Palabra que non era valente na Coruña
12:30
Café-libraría Berbiriana, A Coruña
Silvia Penide e César De Centi sacarán de novo á súa amiga Palabra a pasear coa axuda do público.
› Presentación de O proceso a Lucía Fidalgo en Sober
19:00
Centro Sociocultural, Sober
Edicións Fervneza publica esta obra teatral do autor chantadino
› Cuarentena, poesía feminista, en Ourense
20:00
A Galleira, Ourense
Tarha Erena Sarmiento, poeta e feminista, leva a súa obra Cuarentena á Galleira
› Presentación de Terra queimada na Guarda
20:00
Casa da Comunidade de Montes, A Guarda
Ramón Caride presenta a súa última novela, publicada por Embora
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
Data :  14/10/2017
19
› Os silencios do calígrafo, en Lugo
00:00
Iskoö espacio, Lugo
Baldo Ramos trae a iskoö papeis que reescriben o tempo, mapas da memoria, libros que mesturan poesía
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› Obradoiro sobre o libro O camiño a casa en Compostela
18:30
Biblioteca Afundación, Santiago de Compostela
Lectura do conto pol tardutora do libro e actividade sobre animais migratorios
› Sinatura de Pedro Feijoo na Casa do Libro de Vigo
19:30
Casa do Libro, Vigo
Pedro Feijoo presenta a súa nova novela, publicada por Xerais
› Os xoves do Vindel, en Vigo
19:30
Edificio Cambón, Vigo
Organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo
› Presentación en Compostela de O valo
20:00
Salón Teatro , Santiago de Compostela
Carlos Labraña presenta a obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016
› Presentación en Oleiros de A elegancia do século
20:00
Teatro As Torres, Liáns (Oleiros)
Pura Tejelo presenta o libro co que acadou o Premio Johán Carballeira 2016
› Presentación de O humor en cadriños II en Vigo
20:00
Libraría Andel , Vigo
Coa participación de Kiko da Silva e Félix Caballero.
› Presentación de O Livro Branco en Compostela
20:20
Lorenzo Design, Santiago de Compostela
De Alexandre Brea Rodrigues, publicado por Livros de Ontem
Data :  19/10/2017
21
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Casa das Artes. Vigo, Vigo
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› SIRO. Retrospectiva, 1970-2017
00:00
Museo Provincial. Lugo, Lugo
Poderase contemplar a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos galegos
› X Xornada de Literatura Oral, en Lugo
10:15
Pazo de San Marcos, Lugo
Nesta ocasión, farase fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, ...
› Merenda con Pan de millo na Coruña
11:30
Centro Ágora, A Coruña
Espectáculo baseado no libro-disco Pan de millo
› Contacontos Benéfico con Xanotas e Leirotas en Vigo
11:30
Café Teatro Mimosa , Vigo
A cargo de Xanotas e Leirotas
› Presentación-obradoiro de ilustración de As receitas de Rosaura en Moaña
12:00
Libraría O Pontillón, Moaña
Ao remate da presentación farase un obradoiro de ilustración.
› Paseos pola Coruña Literaria
12:00
A Coruña, A Coruña
Con Xosé Luís Axeitos, María Solar, María Jesús Fernández e Xabier P. Docampo
› Presentación de Tattoo en Vigo
18:00
Banda Deseñada, Vigo
Santiago Paredes presenta o seu novo traballo, publicado por Demo editorial
› Presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima en Madrid
19:30
Tipos infames, Madrid
Dentro do marco de actividades de POEMAD, VII Festival de poesía de Madrid
› XIX Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, na Pobra do Caramiñal
20:30
A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal
Estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, etc
› Poética a três, en Vigo
20:30
C.S. A Revolta do Berbés , Vigo
Con Manuel López Rodríguez, Pedro Campos e Ramiro Vidal
Data :  21/10/2017