Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Mel, unha mosca agradecida (NovaGalicia) de M.A. Alonso Diz e Luz Beloso

Rate this item
(4 votes)

Unha morea de versos / vannos transportar / ao lugar onde os soños / son sempre algo máis escribe Miguel Ángel Alonso Diz nun dos primeiros poemas de Mel, unha mosca agradecida (NovaGalicia edicións). Ler poesía como o xesto de abrir una porta. Abrir e entrar. Introducirse neste universo creativo que nos propoñen con cada novo libro Alonso Diz e Luz Beloso. Comentábao con eles na conversa que ven a continuación, a sensación agradablemente estraña de abrir Mel, unha mosca agradecida, e visitar por vez primeira un mundo que me resultaba familiar e acolledor. Novas propostas creativas nese microcosmos levantado libro tras libro pola factoría creativa Alonso e Beloso.

A poesía de Miguel Ángel resulta reveladora, próxima pero á vez combativa. Poesía para gozar, para rir, para cantar, para berrar ben alto, pero tamén para reflexionar, para pensar. Poesía feita con amor, con entusiasmo, o mesmo que o poeta desprende cando conversas con el. Poesía necesaria, ao igual que é necesario ter no país moita xente como Miguel Ángel.  

E se a poesía de Miguel Ángel Alonso Diz medra con cada novo libro as ilustracións de Luz Beloso sinxelamente emocionan nesta Mel.  A expresividade do castelo de Navia, a tenrura do lobo Ramón, a delicadeza do can Gabriel, a simpatía do caracol Manoel, que dicir da propia mosca Mel! Folla tras folla Beloso seduce ao lector cunhas ilustracións que rebosan sensibilidade.

Un dos galanos máis interesantes deste libro é o CD que acompaña a Mel, unha mosca agradecida. Miguel Alonso, Maese Pedrido, Malvares de Moscoso e Servando Barreiro trasladan os versos de Miguel Ángel Alonso Diz para conducilos a unha nova dimensión musical.

Un libro preciso e sorprendente para achegar as crianzas o mundo da poesía, e se ese mundo é tan marabilloso como este que nos propoñen Luz Beloso e Miguel Ángel Alonso Diz, mellor que mellor. 

 

 

 

 

Dende o propio título de Mel, unha mosca agradecida, hai un mirar cara atrás nun xesto de complicidade con todos eses lectores e lectoras que vos acompañaron nesta andaina nos últimos anos.

Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): Un dos motivos do libro é amosar o noso agradecemento a todas esas persoas que nos acompañaron nestas aventuras; pousar aquí un recoñecemento expreso. Eu fíxeno varias veces a través das redes sociais pero isto é diferente; velaí o por que dos diferentes nomes que aparecen nas contra capas do libro. Non están todos os que son pero si que son todos os que están. Mel, unha mosca agradecida deixa constancia da nosa gratitude, sobre todo coas persoas que nos apoiaron no crowfunding dos dous primeiros libros en Verkami.

Ademais o título ten moita mensaxe, de feito MEL é o acrónimo de Miguel E Luz, e a elección de que Mel sexa unha mosca está feito a mantenta. Por unha banda gústannos os animais que non contan con moi boa prensa, e no caso concreto dunha mosca é porque a mosca é un animal efémero, dura moi pouco, coma todos nós; ademais de ser un bicho bastante molesto.

Luz Beloso (LB): Mel, como di Miguel, é un bicho molesto, pero sobre todo é unha mosca que acompaña aos nosos lectores durante todo o libro. Que o personaxe central sexa unha mosca, como ilustradora para min supuxo un reto, ademais de molesta non é precisamente fermosa, popular ou agradable, pero tiñamos claro que queriamos unha mosca agradecida, doce, tenra, curiosa, amable e cariñosa co lector/a, con ollos grandes de cor MEL.

Este é o quinto libro desa factoría de imaxinación que sodes Luz e Miguel Ángel. Como transcorreu esta viaxe literaria, como evolucionou a vosa proposta artística dende o primixenio O cullarapo Croque (A Porta Verde do Sétimo Andar) ata esta Mel, unha mosca agradecida?

LB: O cullarapo Croque foi unha fermosa aventura; gústame lembrar ese momento porque eu, un ano antes, non me imaxinaba traballando nun álbum ilustrado, foi un gran descubrimento, un novo mundo que non sabia nin que existía, un camiño moi divertido no que unha nunca deixa de aprender.

O traballo comeza no verán cunha mensaxe de Miguel, non sabía quen era, só vin nel a un soñador, e encántanme os soñadores. Iso foi suficiente para engancharme casúa poesía.

Xa pasaron uns cantos anos desde aquela aventura, existe unha gran complicidade á hora de crear e de tratar o noso traballo. Traballamos temas que para os dous son necesarios, creando sempre para transformar.

Cando nace un novo conto visualizamos o álbum xuntos, coma se se tratase dun obxecto único e precioso, coidamos que a lectura e a ilustración se complementen.

Para min supón estar sempre en proceso de aprendizaxe, cada novo libro é unha nova aventura, neste equipo nunca falta ilusión e entusiasmo, cremos no que facemos; ese é o noso motor.

MAAD: Foi, e é, unha aventura marabillosa que discorreu con moitas dificultades e con moitas carencias á hora de dar a coñecer o noso traballo.

Luz e máis eu repetimos decote o concepto de crear creativamente. Cada libro é unha experiencia nova, un novo camiño, onde son as nosas almas quen nos pide o que temos que transmitir e como facelo. Tamén é certo que cada traballo supón unha nova aprendizaxe, e aprender é avanzar. Nese sentido coido que tanto os debuxos de Luz como as miñas poesías, ou prosas, foron evolucionando ao longo dos libros.

Chamoume a atención a primeira vez que abrín Mel, unha mosca agradecida a constatación dun imaxinario, dun universo, que tedes creado ambos os dous. Velaí está unha poesía coa que identificamos a Miguel Ángel; o estilo de ilustrar de Luz, personaxes xa coñecidos de libros anteriores e algún incluso prestado, como o rato Paco.

MAAD: Si, o rato Paco fai referencia á mascota dinamizadora da biblioteca do colexio de Quintela, en Moaña, onde eu fixen hai anos a miña primeira actividade con nenas e nenos.

Si que nos gusta, tanto a Luz como a min, o feito de que os nosos libros leven a outros, de que haxa referencias. En Mel, unha mosca agradecida aparecen personaxes novos e chiscádelas a personaxes que xa apareceron noutros libros nosos, como en O cullarapo Croque ou en O soño de Esther (NovaGalicia Edicións).

Gústame velo todo como un proxecto persoal (na acepción de persoa) do que quero comunicar. Facelo de diferentes formas, pero que sempre fale dun mundo propio. Que un lector ou lectora colla un libro teu e poida identificar cousas dese mundo. Poder fiar dalgún xeito todo ese universo, e con isto xogar de paso co lector.

LB: O certo é que non son consciente de ter un estilo propio ou recoñecible, veño do mundo da pintura, un mundo libre e manteño esa liberdade creativa en todo o que fago, buscando adaptar sempre o estilo de debuxo a cada historia; cada conto é unha nova aventura. Gústame conversar con Miguel sobre as ilustracións cando as estou creando, para a min é motivador compartir o proceso creativo con el, tamén teño un gran crítico na miña casa, tamén é profesor de debuxo, incluso é modelo e inspiración nalgún dos meus traballos recentes .

Ao darlle vida aos personaxes tento visualizalos primeiro dentro da estética que terá o álbum ilustrado no seu conxunto. A fase de creación dos personaxes sempre é o máis divertido de todo o proceso. Na creación de MEL, os bosquexos do personaxe pasaron por un xurado experto de nenas, entre elas Esther [unha das fillas de Miguel Ángel], que fixeron unha selección previa do apunte que mais lle gustaba; os nenos e nenas nunca deixan de sorprenderme, conectaron co primeiro debuxo que fixen de MEL, o mais fresco e menos elaborado de todos .

En canto aos demais personaxes inspireime en persoas reais que Miguel coñece, cada un ten a súa historia, como por exemplo: o personaxe do pato Xoán, o caracol Manuel. Para crealos inspireime en xente cércana a min.

O mais duro de crear é sempre REPETIR; por exemplo ter que repetir outra vez o cullarapo Croque custoume, a pesar do agarimo que lle teño ao personaxe.

Imos ver que coa poesía / pódese bailar, / rir, correr, bicar / e incluso moi forte saltar

Antonio García Teijeiro salienta no limiar deste libro a parte lúdica da poesía. Nese sentido creo que Mel, unha mosca agradecida partilla espazos co voso primeiro libro, O cullarapo Croque. Como valora vostede o elemento xogo dentro da poesía?

MAAD: Eu na escrita preocúpome moito de comunicar. Os nosos libros non adoitan ser só xogo, sempre hai unha corrente que vai por abaixo levando varias mensaxes. Cando escribo procuro ir deitando esas mensaxes coa esperanza de que vaian deixando pouso nos rapaces, nas rapazas e nos adultos. Igual que, por desgraza, os prexuízos lingüísticos, sexistas ou raciais calan pouco a pouco en nós, na linguaxe mesma que empregamos, coido que outras mensaxes, que eu valoro e defendo, chegan aos lectores e lectoras a través da miña poesía e das ilustracións de Luz.

Pero é moi importante a interacción con eses lectores, que a poesía se vexa tamén como un xogo para que a mensaxe chegue dun xeito máis efectivo, por iso emprego nos meus obradoiros a poesía de autores como o propio Antonio García Teijeiro, Helena Villar Janeiro, Antón Cortizas ou Fran Alonso, entre outros, que combinan ben estes aspectos.

O difícil é conxugar todos os elementos: escribir poesía, que esa poesía sexa doada de musicar, que chegue os rapaces e rapazas a través do xogo, do baile, dos contacontos, que ademais estea chea de contido... Introducir todos eses elementos e axitalos para que amalgamen ben é o realmente complicado.

Está a parte lúdica pero tamén aproveita para introducir algúns temas importantes, en forma desa corrente que comentaba vostede antes, como a deleiba da transmisión interxeracional do idioma, a importancia da diferenza, etc.

MAAD: Creo que Mel, unha mosca agradecida é un libro moi comprometido, sobre todo coa nosa lingua, máis se cabe que calquera dos outros libros anteriores, no sentido de aparecer aquí dun xeito máis explícito. Velaí está o tema da lingua co lobo Ramón.

Mais tamén aparecen temas como o respecto á diferenza co can Gabriel, o non á guerra do soldado Tomás, a crítica á superficialidade do pato Xoán, e sobre todo o amor. É un libro onde aparece a poesía social pero nun eido infantil.

Todo isto que comenta vostede lévame a Francesco Tonucci, quen dicía algo así como que as aprendizaxes máis importantes da vida fanse xogando.

MAAD: Concordo con Tonucci, a quen tiven a sorte de escoitar cando veu a Pontevedra da man de Kalandraka. Efectivamente, a aprendizaxe máis importante faise xogando. Calquera materia pódese aprender dun xeito creativo e divertido, e velaí entra a poesía, a música... O “problema” é que iso esixe certo esforzo por parte do mediador. Nese sentido Tonucci é un referente para os dous.

Cinco traballos xuntos, como dicíamos antes. Que elementos novos aporta nesta Mel respecto a outros traballos anteriores á hora de afrontar o traballo de ilustración?

LB: Supoño que unha vai evolucionando e aprendendo no camiño, algo que non podo evitar é ser crítica co meu traballo.Teño mais coidado cos fondos e o tratamento do espazo, compoñendo dunha forma mais coidada a imaxe co texto, como si fose unha prolongación do debuxo, valorando que se integre coa ilustración. Por este motivo gústame entregar o proxecto xa maquetado para evitarme sorpresas con este tipo de detalles. Recordo que na primeira impresión de O cullarapo Croque inverteron gran parte das miñas ilustracións. Este tipo de erros procuro que non se volvan a repetir.

Ao botar a vista atrás atopo que as ilustracións evolucionaron moito debido a aprendizaxe continua, eisto, precisamente, é o máis divertido de ilustrar. Aprender, experimentar, probar novas técnicas.

A ilustración é para min unha arte comunicativa chea de beleza e creatividade. Agora mesmo, son ilustradoras e ilustradores os artistas que máis admiro. Por exemplo Shaun Tan, onírico, pictórico, pero sobre todo gústame a súa capacidade para transformar e reinventarse concada novo proxecto, todos son únicos e diferentes.

Como decide vostede, cando empeza cun novo proxecto, a técnica ou as técnicas a empregar? Esa elección ven condicionada polo texto?

L.B.: Efectivamente, iso é algo que normalmente mo pide o texto, aoprincipio, cando se visualiza o conxunto do libro, formato, medidas. Tamén se pensa na estética, que tipo de ilustración lle acae, a que publico vai dirixido: non é o mesmo unha ilustración para xuvenil, adulto ou infantil. Todo iso determina o tipo de ilustración, e esta ten que respirar coa historia coma se fose un só corpo.

Pero sobre todo persigo non aburrirme, facer sempre o mesmo unha e outra vez é unha forma de morrer creativamente; busco experimentar, facer algo novo: un pequeno detalle, un aspecto técnico, conceptual , desde crear unhas poucas texturas novas a cambiar o estilo da creación por completo.

O noso libro anterior, O valente coello que quixo soñar,  foi unha aventura curiosa. Recordo que estaba no meu estudo favorito: o mar, traballando precisamente en MEL, cando me parei a observar ás rocas da praia, as súas formas contaban historias e púxenme xogar, creando formas a partir das pedras e sacándolle fotos ao resultado, non tiña a intención de crear ningún álbum ilustrado, foi Miguel quen atopou un marabilloso poema naquelas fotos subidas ao Facebook que eu fixera sen mais intención que a de divertirme, isto obrigoume a traballar só dixitalmenteas fotos.

O proceso creativo con MEL non se parece en nada a este. Primeiro foi o story board do álbumilustrado, traballei nos personaxes, improvisei escenarios, documenteime para algúns detalles. A técnica con que traballei é mixta: parte acuarela, lapis de cores, acrílico e moi pouco de dixital, só para crear algún detalle que non alcanzas a ver se non se amplía a imaxe.

 

Un dos galanos máis interesantes desta Mel, unha mosca agradecida, é o CD que acompaña o libro. En ocasións anteriores, como en O cullarapo Croque, podíamos atopar na rede algunhas cancións tiradas do libro, pero neste caso xa apostades polo CD físico.

MAAD: Eu quería dar ese paso. A poesía é a palabra musicada, e a música é un vehículo excepcional para a transmisión da poesía. Refórzaa dun xeito marabilloso.

Tivemos a inmensa sorte de contar neste proxecto con Miguel Alonso, Malvares de Moscoso, Maese Pedrido e Servando Barreiro, e poder xogar con eles, porque a verdade é que o pasamos moi ben nas gravacións a pesar de todas as dificultades.

Foi todo moi natural grazas a que todos viñamos a compartir e aprender uns dos outros. Comentábanme os músicos que este CD era unha aposta arriscada xa que non é para nada lineal, por mor de proceder cada un dos participantes de diferentes mundos, musicalmente falando. Foi moi interesante ver como confluían e como se influían nas gravacións protagonistas do rap galego máis combativo como Maese Pedrido ou Malvares de Moscoso cun trobador como é Servando Barreiro ou un cantautor como Miguel Alonso. Todo iso vese no resultado final. Para min foi unha experiencia moi emocionante a pesar das dificultades, ou precisamente por elas. Sen o CD este libro non sería o mesmo e estoulle a todos inmensamente agradecido.

A parte diso, creo que é un xeito moi adecuado de facer chegar a poesía a todas e a todos. De feito, cando desenvolvo algún obradoiro, unha das preguntas que sempre fago é a cantos lles gusta a poesía. Con moita timidez poden aparecer un ou dous rapaces ou rapazas. De seguido pregunto a cantos lles gusta a música e todos erguen a man. Daquela procuro ensinar a relación entre a poesía e a música. E cando se xuntan unha boa base musical e unha boa letra xa é o cumio!

De todos os xeitos Mel, unha mosca agradecida non é un libro-CD, no sentido dalgúns libros que hai no mercado. Este é un libro de poesía musicada. Non son letras de cancións.

Velaí a relación da poesía e a música como un acto social.

Artistas como Magín Blanco, Paco Nogueiras, Migallas, etc... chegan moito aos rapaces. Non se pode deixar de lado calquera vehículo que poidas ter para comunicar.

A terceira éche de mar / de buguinas e soños / no seu corpo tecidos / ten estrelas sen dono

A lírica alcanza neste libro alcanza unha grande altitude.

MAAD: Grazas (sorrí)! Quero crer que dende o primeiro libro a este existe unha evolución positiva da miña escrita. Mel, unha mosca agradecida custoume moito no sentido de que nese poema ao que fas referencia, por exemplo, conxugo a mensaxe do respecto e amor pola diferenza, polo diferente; quería tamén ensinar as cores e crear unha boa poesía dende o punto de vista formal que ademais tivera un forte compoñente musical. Escribes tendo en conta todo isto e máis. Isto é moi complicado, e lévate por veces a sacrificar algúns compoñentes na escrita para que prevalezan outros. O que si podo afirmar é que hai unha grande preocupación pola linguaxe empregada e polo que conto. Fareino mellor ou peor, pero detrás de cada un dos poemas deste libro hai un grande esforzo, moito traballo, moito de cicelar...

Cando naceu Esther, a miña filla maior, deixei un pouco de lado a poesía para adultos (por chamala dalgún xeito). Sempre pensei que a poesía serve para transformar o mundo, e para facelo, onde debo incidir, onde teño que me situar, é na base, cos rapaces e rapazas. Por outra banda ese é un espazo onde me sinto moi cómodo escribindo. É necesario crear material divertido, comprometido, para facer un mundo mellor. Esa foi a miña aposta. A nosa aposta.

Chamoume moito a atención neste libro a tenrura que expresan as súas ilustracións. Gústame, en conxunto, esa mestura entre a crítica, a reivindicación da poesía de Miguel Ángel e esa tenrura, esa calidez das imaxes. Fai que o conxunto sexa marabilloso.

LB: A tenrura nos personaxes non é intencionado, sinxelamente é algo que non podo evitar, é algo natural e lóxico, ilustro textos nos que creo. Cando se están creando graficamente  intento que o espectador senta o mesmo agarimo que eu lles teño aos personaxes cando leo os poemas de Miguel, son creados para ser amados, desde o ogro do castelo ao caracol Manuel.

Para Miguel e para min, que cremos que "outro mundo é posible”, o álbum ilustrado é unha pequena obra de arte tratada con moito mimo desde o inicio, coidada con agarimo polos dous durante todo o proceso, e apostamos pola creación de obras que acheguen algo para construír un mundo máis xusto e solidario.

O neno non é alleo ao mundo. É difícil tratar certos temas sen facer chegar esas cuestións filtradas e edulcoradas?

MAAD: Unha neno ou un neno, cando algo non lle gusta ou algo non lle parece ben, vaicho dicir. Eu son consciente de que non posúeo a verdade absoluta. MEL é un libro moi comprometido como xa dixen. Eu procuro transmitir os valores nos que creo sempre dende o amor. Creo que é o único xeito válido que existe.

Vivimos nun mundo que tende a homoxeneizar todo, a sacar as artes plásticas e a filosofía das aulas, agora incluso a literatura. Eu rebélome contra iso, eu tendo a outro mundo, e procuro facelo co exemplo, neste caso dende o amor e dende o respecto.

Os nenos e nenas son moi intelixentes. Eu teño dúas fillas e aprendo cada día delas. O importante é saber ler nelas. A potencialidade que teñen é enorme, e moitas veces é a propia sociedade quen lles vai limitando esas capacidades. O único filtro que existe na miña escrita é a honestidade co que penso e amo.

Houbo unha cuncha pequena / que naceu na beiramar, / no día está en silencio... / na noite dorme sen máis...

Unha crítica ao aliñamento, a aceptar as cousa como veñen dadas. Aspectos que xa apareceron anteriormente en libro como A nena á que non deixaban ser feliz ou en O valente coello que quixo soñar.

MAAD: Creo que hai xente que pasa pola vida e non se enfronta aos problemas da sociedade, que viven na beiramar, sen ese compromiso, ese coller as rendas. Ser ti o teu propio capitán. Ás veces por ignorancia, outras por conformismo ou medo.

Cando lle explicaba á miña filla maior este poema, dicíalle que esa actitude activa de compromiso, de facer, serve para ter unha sociedade viva, transformadora.

Creo que MEL en conxunto é unha crítica á sociedade na que vivimos.

Logo está tamén a creatividade desbordante do poema do rato Paco e o cullarapo. De que se alimenta a imaxinación do poeta?

MAAD: Moitas veces, nas propias actividades que fago co público infantil, regreso a casa con novas ideas. Volves cheo de enerxía, porque recibes o que eles che entregan e tamén baleirado polo esforzo que fixeches. É o que dicía antes, hai que ler neles.

Logo pesa moito a actitude, cando ti estás acendido, en realidade todo te estimula, todo te chama. Tamén as lecturas que fago e por suposto: as ilustracións de Luz.

Á hora de crear un álbum ilustrado como esta Mel, unha mosca agradecida, como nos anteriores traballos conxuntos, a relación da ilustración co texto vai implícita no concepto, pero que outros factores emprega vostede para inspirarse?

LB: Falar do traballo dun mesmo, para min é moi complicado. Inspírame moito a música, non podo traballar sen ela, cometer errores e aprender algo novo, unha canción, un sentimento, paisaxes, pero sobre todo a xente, as expresións, os xestos. Supoño que iso me queda dunha vida na que pintaba mercados e facía moitos retratos.

E tamén son inspiración para min os artistas que admiro: pintores, pintoras, ilustradoras e ilustradores; encántame a complicada arte da animación e admiro moitísimo aos seus creadores e creadoras. Son moitos os e as artistas, sería unha gran lista; só dicir para rematar que en Galicia temos grandes profesionais da ilustración.

A chave do futuro do noso idioma está nos nenos escribes contra o final do libro. A responsabilidade dos pais. A importancia desa última palabra: Atrévete!

MAAD: Ese Atrévete! do final, e o poema en xeral, vai dirixido aos pais e nais, que moitas veces fan cos nenos unha lectura conxunta do libro. De que se atrevan!

Cando falo coas nais e cos pais moitos me din “no hablo gallego porque lo hablo mal”. Eu tampouco o falo ben, o que si procuro é aprender.

Eu lembro nunha ocasión que Bernardino Graña nunha conversa que mantiñamos fixo unha pausa para corrixirme, xa que empregara un “i” que usamos ás veces por influencia do castelán. Bernardino fíxoo con tanto cariño. Creo que esa é a forma de actuar.

É un atrévete dende o amor dirixido a todos e a todas. 

 

 

Milladoiro, verán 2017

 
 
 
 
 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Entrevista >

Axenda LIX >

Outubro 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
8
9
10
11
12
15
16
17
18
22
23
25
26
27
28
29
30
31