Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Veu visitarnos... Helena Villar Janeiro

Rate this item
(4 votes)
Helena Villar Janeiro Helena Villar Janeiro Foto: Eduardo Castro Bal

Hoxe recibimos a visita de Helena Villar Janeiro. Helena naceu no ano 1940 na montaña luguesa, no concello de Becerreá e, aínda que agora está felizmente xubilada, exerceu a profesión de profesora no ensino medio e secundario durante moitos anos.

Literariamente é unha das voces referenciais da literatura galega, tanto na súa produción poética como a dedicada á literatura infantil e xuvenil, na que leva abrindo novos camiños a varias xeracións de lectores. O día que choveu de noite (Galaxia), Viaxe a Illa Redonda (Galaxia), Ero e o Capitán Creonte (S.M.), A canción do Rei (Galaxia), A campá da lúa (Xerais), As señoras cousas (Galaxia) ou O caderno de Edua (Sushi Books) son algunhas boas mostras da súa condición creativa. Os seus libros están traducidos a varias linguas e algúns deles están incluídos no catálogo White Ravens que cada ano elabora a Internationale Jugendbibliothek de Múnic.

Recentemente a Asociación Galega do libro Infantil e Xuvenil (Gálix) decidiu nomear Socia de Honra 2015 a Helena Villar Janeiro.

Moitísimas grazas por vir visitarnos, Helena!

 


 

Normalmente antes da escritora vén a lectora. Cales foron eses libros e esas lecturas importantes para vostede e que aínda fican na súa memoria?

Lin moitas vidas de santos nenos e nenas -que me proporcionaba unha beata- e TBOs que alugabamos na librería Pahe. Pero antes, cativárame un tomo da enciclopedia arxentina El Tesoro de la Juventud, do que pouco entendía –estaba escrita en español, francés e inglés- pero que me gañou para a Literatura a través dos pés das imaxe de Gustav Doré sobre obras de Shakespeare. “Otelo contempla a Desdémona dormida”, de Otelo. Non o comprendía pero este parágrafo era fermosísimo.

Tamén tiñamos na casa moitos números da colección Cuentos de Calleja e libros de fábulas, que moito me gustaban. O libro que creou en min auténtica paixón lectora sendo moi nova foi La leyenda de Gösta Berling, da Nobel sueca Selma Lagerlöf. Porque aquel era o meu mundo ancarés visto con altura literaria e así o percibín e o valorei. Despois foi La Chartreuse de Parme, que xa lin na lingua orixinal. Polo medio queda un libro conmovedor que conservo con moito cariño, xa customizado pola miña filla María do Cebreiro cando era adolescente para o conservar mellor: El diario de Anna Frank.

o dia que choveu de noiteCales foron as motivacións que a levaron a escribir?

Meu pai sempre quixo que eu fose xornalista, porque el fixera unha pequena incursión naquel mundo durante a República. Logo foi a soidade idílica da mestra na aldea en Quintá de Cancelada –nas terras ancaresas- quen me moveu a facer apuntes de poesía da man de Juan Ramón Jiménez, poeta que me tiña subxugada. Non sabía escribir en galego e o primeiro libro ao que foron parar aqueles apuntes, Alalás (1972), está escrito en castelán. Finalmente adiqueime tamén ao artigo de prensa para lle cumprir o gusto. Mágoa que el xa non vivise para velo.

E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?

O amor de nai e a responsabilidade educativa leváronme a crear cancións, contos e un pequeno ensaio sobre os nosos símbolos. A filla e o fillo, por decisión familiar, continuarían a vida dos antergos nos xenes e na lingua. Mais eran criaturas urbanas que medrarían en contexto diferente –cando non hostil- ao espazo rural vinculado aínda daquela á lingua. Para a debida ubicación cultural no medio en que estaban chamados a criarse, non existían materiais lúdicos porque non o permitiran as circunstancias dun país anómalo. Polo tanto, había que cantar anainas e saíron cancións. Había que contar historias e saíron contos. Cando os meus destinatarios deixaron atrás a infancia, foron substituídos por familiares ou amizades. Nunca escribín para a infancia sen unha criatura próxima de referencia, por iso me despreocupei bastante de modas e tendencias. Obedecín as ordes que me viñan desde a literatura e a pedagoxía. Porque a literatura infantil é pedagóxica. Todo o que se achega á infancia debe ser pedagoxicamente positivo, que non quere dicir didáctico-pedestre.

Non lembro onde foi pero lín por algures que na súa formación literaria tivo unha enorme influencia o tempo que pasou na xastrería de seus país en Becerreá. Fálenos, se é tan amable, dese período e o por que desa afirmación.

Traballei na xastrería desde moi nena e coñecín alí moi ben a literatura popular, tanto nos contidos como na estrutura, tanto a prosa como o verso. Tamén a literatura escrita a través da oralidade de meu pai, que lera moito na biblioteca dun amigo enfermo que acompañaba. Por el souben, sobre todo, de Víctor Hugo, de Vicente Blasco Ibáñez e dos galegos Rosalía e Curros, dos que sabía moitos poemas e admiraba moito. Era un comunista feminista que me facía chegar os ecos de moi grandes mulleres e dos seus traballos intelectuais: Concepción Arenal, Pasionaria, Rosa Luxemburg e a señorita Hildegart. Na casa líase o xornal todos os días e tiñamos dicionarios para aclarar dúbidas. Agasallárannos cunha “imprentilla” de goma, e caracteres soltos con pinza e tampón. Con ela meu irmán e mais eu compoñiamos textos. Todo este curriculum tan pouco regrado substituíu a escola, pois fun escolarizada só en párvulos e só nun curso de primaria.

viaxe a illa redonda        ero e o capitan creonte        a cancion do rei

Poucas familias coñecemos tan artísticas como a súa. A súa parella tamén escritor, a súa filla poeta e o seu fillo músico. Casualidade?

Supoño que non é casualidade. Suso e eu coñecémonos a través da literatura. Eu, se puidese elixir a miña profesión, sería unha soprano de bel canto. Na miña familia hai unha tradición musical de varias xeracións de gaiteiros. Meu pai xa sabía solfexo, era un bo tenor e tocaba o acordeón. Fun a primeira profesora de música de María do Cebreiro e de Abe, e chegamos a ter un grupo familiar, “Nabarquela”, que estivo presente nos festivais “Cantareliña”. Ambos estudaban música, pero a rapaza acabou distanciándose máis dela –ten un disco gravado, aínda así- e o rapaz culminou todas aquelas arelas miñas na súa carreira artístico-profesional. María apareceu cun libro de poemas publicado, O estadio do espello, que nós descoñeciamos. Pero había moita vida poética na casa e é moi probable que, sen pretendelo nin nós nin ela, acabase emprendendo ese camiño por inmersión inevitable.

Que é o que busca transmitir coa súa literatura?

Esta resposta é moi complexa. Empecei escribindo para min, para falar comigo nunha circunstancia de relativa soidade. Para verme en espello tamén. Despois escribín para as criaturas da casa pretendendo fornecelas de material de lectura na lingua que estaban chamadas a falar por decisión nosa. Seguín escribindo con diversos obxectivos, aos que non é alleo o de cultivar literariamente unha lingua que posúo e precisa quen a aprece para transmitir sentimentos, coñecementos, emocións… Participo en todo canto proxecto teñen a ben convidarme tamén para moi diferentes finalidades. Creo que, se falo con fonda sinceridade, para quen empezo escribindo é sempre para min como un reto persoal de exploración. Pero quen escribe non pode esquecer que ten bastante posibilidade de que alguén lle vai ler os seus textos. Daquela pensas en transmitir emoción poética que poida conectar con outras persoas superando o interese que ten para ti. Narras intentando crear espazos de liberdade sacando de ti e do que coñeces a materia que podes dominar intentando crear un estilo propio no te acabes recoñecendo. E procuras defender os valores nos que cres a través da túa opinión cando fas artigos de prensa e tamén nos outros textos. Non hai dúbida de que quen escribe non adoita ser neutral perante a vida que pasa.a campa da lua

En que se basea para escribir os seus libros?

Xeralmente nunha emoción que me impresiona moito. Esta emoción xa me indica o xénero no que a vou expresar, porque os temas ou motivos saben eles mesmos elixir a forma. Esta impresión pode vir da realidade vivida, observada e tamén das lecturas que elixes. Ultimamente fago moita colaboración con artistas da plástica o coas miñas propias fotografías. Nese caso, teño que provocar dalgún xeito esa impresión. Non é difícil e resulta un traballo moi gratificante.

Traballou moitos anos como mestra e ten unha longa traxectoria literaria. Como considera vostede que foi evolucionando a relación do lector infantil co libro nestas últimas décadas?

A infancia ten cada vez máis libros especializados que pretenden ver nela un ser en evolución con intereses propios, máis non só. As nenas e os nenos non son persoas pequenas. Teñen características emocionais e cognoscitivas diferentes dos adultos para o que seguen un proceso de maduración. O ideal sería que nese camiño de maduración que emprenden as criaturas ata o desenvolvemento pleno fosen acompañadas de lecturas concordes con ese proceso, pero que non se estanquen na lectura doada, senón que cheguen a saber, e a querer, enfrontarse con calquera lectura non adxectivada. 

E saíron escritoras e escritores das súas aulas?

Cábeme a honra de ter sido profesora da xornalista e narradora María Solar e da poeta en lingua castelá Ana Baliñas Pérez. Deberon ser máis, pero non todo o mundo segue camiños que ben podería transitar. Estas foron perseverantes e constitúen un orgullo para min.

o souto do ananoQue xéneros son os seus preferidos á hora de escribir?

Sen dubidalo nada, a poesía. Tamén o relato curto, que no fondo teñen bastante en común.

Se estiveramos diante da súa mesa de traballo, que veriamos?

Unha bandexa cun servizo de té con leite, un froiteiro con variación de froitas, uns cantos libros que acaban de chegar ou que manexo para algo, unha cámara fotográfica da que debo descargar algunha imaxe para escribir sobre elas, papeis baixo do rato do ordenador que me serven tamén para tomar notas, un mantel pregado para o estender no momento oportuno, o móbil, unha flor nun botelliño… E calquera outra cousa de pequeno formato que aínda non chegou ao acomodo debido.

A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?

A ilustración é sempre moi interesante na literatura e un luxo poder contar con ela nunha obra. Eu teño un libro-alfaia, Remontar o río, que é unha obra de arte polo traballo da pintora alén do que vallan o meus versos. Pero na literatura infantil a ilustración é parte fundamental da obra. Xeralmente non hai interacción entre quen escribe e quen ilustra. As editoriais adoitan ter artistas ao seu servizo e non che consultan quen desexas que che complete o que escribes. Se hai sorte, conxúntanse ben as dúas partes da obra e ademais gústache ver o teu texto así completo. Se non a hai, tiras unha tempada vendo un libro teu que non che gusta como quedou, aínda que ao final te acabes afacendo á súa visión xa sen problemas. O grave é se quen ilustra non interpreta ao xeito o que quixeches dicir. Pasoume dúas veces. Un dos libros quedou así, porque o erro, que si é garrafal, só afectaba unha páxina e coou. A outra modifiqueina a petición da editorial porque xa estaban os fotolitos feitos e eu son razoable ata eses extremos se se me pide algo con xeito. Como parece que debera ser, ao final prevaleceu o texto orixinal e cambiáronse as ilustracións pertinentes, que eran bastantes.

Podería dicirnos algún ilustrador co que estea especialmente cómoda traballando?

Teño unha predilección moi especial por Marifé Quesada e Ánxeles Ferrer. Pero hai moita xente da que me gusta o seu traballo.

Que significa para vostede o oficio de escritora?

É un privilexio poder usar a palabra para expresarse. Pero, ademais de sentir ese privilexio e gozar del, ser escritora é o meu xeito de estar no mundo. Non podo prescindir dos ollos da escritora nin para ver a realidade nin para interpretala. E o mesmo me pasa con relación a min mesma. Se non fose escritora, sería unha persoa moi diferente. Estou ben segura.

Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este labor?as senhoras cousas

Para min foi ter que compaxinar profesión e vocación, porque á profesión –que era anterior- tamén me entreguei moito. Iso, por outro lado, permitiume escribir máis libremente e con menos presión que se tivera que vivir deste oficio. Non me ativen a modas. Non tiven urxencias de publicar. Traballei con moita máis liberdade. E penso que, se por un lado quen é artista ten dereito –non sei se deber- de entregarse ao que fai plenamente, por outro ten tamén máis limitacións, sobre todo se ten que vivir da arte que fai. Como persoa, tamén agradezo ter tido experiencias doutro tipo de contacto coa realidade e de moita maior variedade social. Se ben deixo dito que ser escritora marcou moitísimo a miña vida, tamén me alegra que non ma absorbese de todo.

Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?

Cando practico esta modalidade de escrita –non lle chamo xénero, porque creo que os xéneros están tamén nela- escribo fundamentalmente para a infancia. Sobre a literatura xuvenil teño as miñas teorías e como moito só pensaría en lectoras e lectores de 12 anos para abaixo. O mellor é a frescura e a liberdade que podes desenvolver neses textos, sexan poéticos, narrativos ou dramáticos. É unha maneira de soñar, de liberarse da lóxica da realidade e crear xogando coas palabras e coas ideas.

O peor é que este exercicio marabillosos esixe filtros de todo tipo e non é a túa expresión cabal, porque ti xa evolucionaches a outro estadio. E eu preciso tamén crear sen as barreiras psicolóxicas, lóxicas e lingüísticas que impón un público que está aínda en evolución.

Hai poucas datas Gálix decidiu nomeala Socia de Honra da entidade. Para unha escritora tan recoñecida e cunha traxectoria tan importante no mundo da LIX, que significa unha homenaxe desas características?

Se calquera honra é sempre benvida por quen a recibe, esta supuxo un recoñecemento, non sei se merecido, que valoro moito por vir dunha asociación prestixiosa e cun gran número de socios e socias que son merecentes dela. Tamén porque significa valorar un traballo desenvolto en época de carencias literarias con moi poucas referencias de partida. Que Gálix se teña fixado nisto supón unha grande xenerosidade pola súa parte e tamén un recoñecemento da realidade do país, que está moi ben tela presente. Polo tanto, será unha distinción que eu citarei sempre con moito orgullo e agradecemento.

o caderno de eduaQue proxectos veremos en vindeiras datas da súa autoría?

Proxectos hai moitos, pois creo estar aínda en etapa produtiva, aínda que me distraian polo camiño outros medios de expresión no que a mensaxe é fragmentada e ben distinta, como son as redes sociais. Teño un libro de poemas para Helena, a netiña, que vou facendo aos poucos para ilo adaptado ao espertar das súas vivencias. É unha historia lírica arredor do Reino de Abuín –así se chama a aldea onde vivimos que para ela é o paraíso- con todos os seres máxicos do mar e da terra, e os catro castelos habitables. Ando cunha colección de contos terapéuticos con protagonistas que teñen problemas de saúde e coñeceron a hospitalización e ata a perda dalgún membro. Está tamén polo medio un libro de poemas con ira, aínda que non é moi habitual en min escribir problemas irados. E todo un proxecto de recuperación da memoria “tirando do fío” para o que teño moito avanzado pero, como vai medrando de xeito concéntrico, non sei onde acabará nin sequera se acabará. Polo medio están as colaboracións que se me solicitan e nunca rexeito. Se alguén se interesa algún día pola miña obra solta, marabillarase da cantidade de textos que deixo espallados acó e acolá nos medios e soportes máis impensados. Por outro lado, sigo co meu interese en mesturar literatura e imaxe, que é un traballo moi pracenteiro para quen quixo ser pintora e abandonou a idea.

 

 

En Abuín –Rianxo- comezando o ano 2016

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Veu visitarnos >

Axenda LIX >

Nestes días >

Non hai eventos nos vindeiros días