FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Non hai noite tan longa (Xerais) de Agustín Fernández Paz

Puntúa
(1 Votar)

«Con Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz achégase ás estremas. Un seu xeito de narrar —ben característico, por certo— amosa aquí acabado compendio, pois non poucos dos sinais de identidade da súa escrita recente alcanzan agora máximo relevo.»

«A traizón, o engano e, sobre todo, a culpa, son os poderosos sentimentos que moven os fíos argumentais deste drama de final catártico: un mozo galego, emigrado a París hai trinta anos cando seu pai fora encarcerado, regresa para enterrar a súa nai; de volta á casa matricial, o fantasma de seu pai aparéceselle e demándalle atención»

«Fonda, intensa e reveladora, Non hai noite tan longa é unha aldrabada ás conciencias, un espazo creativo para a indagación moral, no que a memoria macelada dos devanceiros espectraliza e clama pola xustiza —e por que non se esqueza— dende o peitoril do ultramundo.»

  

Visto en: Faro da Cultura | Armando Requeixo


«[...] proposta tan shakesperiana no asunto, que sabe combinar con mestría os recursos da novela negra máis canónica cun asunto dramático de raigame clásica dunha maneira poderosamente atractiva, dosificando acaidamente a intriga e, ao tempo, permitindo actualizar e ollar desde a distancia parte dos cambios que se operaron en Galicia nos últimos tempos»

«quere ser unha epifanía contra a desmemoria actual a través das vivencias dun personaxe mortificado pola sensación de culpa que fuxiu de si mesmo e que retorna no 2002 ás súas raíces para, trinta anos despois, irse convertendo, precisamente no lugar que abandonou, nun novo Ulises que, de vez, poida redimirse enfrontándose aos seus fantasmas persoais e colectivos, que son un pouco os de todos.»

  

Visto en: La Voz de Galicia (21/05/11) | Ramón Nicolás


«un exercicio narrativo que se proxecta  cara ao pasado, un pasado escuro que recupera a memoria, neste caso non a da contenda bélica, pero si as das súas prolongacións na década dos 70 e que chega ata os nosos días, na figura de certos personaxes do relato, comprometidos coa xustiza e coa liberdade, que serán os que, ao final, consigan que non haxa noites tan longas e que nalgún intre escintilen as claridades da alba.»

«O protagonista é un home que, a idade de 50 anos, regresa desde París a súa vila natal, mergullado nun alude de lembranzas e co amargor da culpa e da covardía trabándolle a alma, porque desconfiara da inocencia do seu pai, detido, acusado, torturado e condenado pola violación dunha rapaza. »

«A prosa limpa e xenuína de A. Fernández Paz, nun relato en primeira persoa cun ton persuasivo, enfeitada cos trazos de sempre (dominio do ritmo e da progresión narrativa, relampos cinematográficos, ecoloxismo, paixón polos libros…) achéganos unha moi interesante investigación da verdade, que se tinxe de tons shakesperianos e odiseicos»

  

Visto en: Nove noites | Francisco Martínez Bouzas

AXENDA

Decembro 2014
L M M X V S D
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28
29 30 31 1 2 3 4

Empregamos cookies de noso e de terceiros para mellorar os nosos servizos e mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer cómo cambiar a configuración, na nosa Politica de cookies.

Acepto as cookies deste sitio.

EU Cookie Directive Module Information